España pasa das críticas a un futuro prometedor na súa despedida da Eurocopa
España quedou sen final e sen Eurocopa pero no seu mellor partido trazou, para moitos, un futuro optimista. Contra a potente Italia, Luis Enrique sentou a Morata e xogou cun falso nove para agochar a referencia goleadora: dominou, pero o gol permaneceu oculto.
Luis Enrique Martínez, adestrador da Selección española: "Faltounos a guinda do gol".
Italia golpeou primeiro nun contragolpe que parece abortar a zaga española. Pero o balón queda solto e Chiesa resolve cun bo disparo. Con Morata xa no campo o empate foi cousa súa e de Dani Olmo. Estaban chamados a ser os heroes do partido, cunha combinación perfecta, pero a sorte deulles un cruel protagonismo ó final, porque foron os dous que erraron nos penaltis.
Luis Enrique: "Morata estaba tocado nun adutor e aínda así quixo tirar o penalti. Estivo a un nivel bestial. Sobresaliente, coma o resto de compañeiros".
Luis Enrique estivo moi cuestionado. Desde a confección da convocatoria ata a as súas aliñacións, con xogadores mesmo fóra da súa demarcación, cos resultados cativos da primeira fase, quitando a goleada con Eslovaquia, que certamente foi a maior do torneo pero a única vitoria nos 90 minutos.
Pero agora hai poucos dúbidas de que o asturiano dirixirá España ó Mundial de Qatar o ano que vén.
Luis Enrique: "Para min non é unha noite triste. Só cun pouco de desazón. Somos un equipo e seguiremos sendo un equipo".
Un equipo que pode sufrir cambios pero non necesariamente para mellor.
"Mellor ou peor, nunca se sabe. Cada vez que fago unha convocatoria veñen os que eu considero que están en mellor estado de forma".
Luis Enrique cambiou o gris pola "Roja" nunha noite de eliminación sen críticas, nin lamentos nin rancor.