CRTVG

Buscar

España impón corentena aos pasaxeiros procedentes do Brasil e Suráfrica

Publicado o 17/02/2021 19:44

O Ministerio de Sanidade decidiu impoñer unha corentena para os pasaxeiros procedentes do Brasil e Suráfrica que chegan a España a fin de evitar a propagación das novas variantes de coronavirus no país.

Anunciouno a ministra de Sanidade Carolina Darias na conferencia de prensa posterior ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, en que informou, ademais, de que ata o momento se detectaron en España un total de 613 casos confirmados da variante británica: seis da surafricana e dous da brasileira.

Darias explicou que impuxo esta medida mediante unha orde ministerial porque é "absolutamente necesaria, imprescindible e urxente" para evitar a propagación das novas variantes, e será enviada á Audiencia Nacional para a súa ratificación xa que limita dereitos fundamentais.

A ministra explicou que a corentena será obrigatoria para todas as persoas que cheguen a calquera aeroporto español procedentes do Brasil e Sudáfrica (orixe ou escala) durante os dez días posteriores á súa chegada, que serán sete se o pasaxeiro realiza unha proba diagnóstica de infección activa para descartar o virus e dá negativa.

Estes pasaxeiros deberán permanecer nos seus domicilios e non poderán reunirse con terceiras persoas, segundo a orde que é complementaria ás xa vixentes, como a restrición de voos procedentes do Reino Unido, Brasil e Sudáfrica e a esixencia de resultados negativos dunha proba diagnóstica realizada nas 72 horas previas á viaxe.

Darias recalcou que a decisión ten por obxecto protexer a saúde e deter a propagación do virus. 

Noticias web

17/02/2021