CRTVG

Buscar

España golea a Eslovaquia (5-0) e pasa a oitavos como segunda de grupo

Publicado o 23/06/2021 20:09

EFE

Luis Enrique decidiu mover o equipo xusto no partido máis importante. Entraron Azpilicueta, Eric García, Busquets e Sarabia. España cambiou pero o partido pareceuse de inicio aos últimos. Tanto que volveu haber un penalti e volveuno fallar.

Desta volta Luis Enrique decidiu que fose Morata quen o lanzase. Non lle afectou demasiado o erro á selección, que tiña o balón pero seguía errando. Así que vendo as dificultades de España o porteiro eslovaco decidiu botar unha man. Sarabia mandou un furolo ao traveseiro, o balón saíu cuspido cara arriba e segundo baixaba Dubravka deulle unha labazada infame para metelo na súa portería. Por fin España atopaba o seu goleador.

O gol deulle confianza á selección que atopou o premio xusto antes do descanso. Un balón profundo de Pedri para Gerard Moreno que puxo unha delicatessen de centro que Laporte cabeceou ao fondo da meta de Dubravka. O partido serviu tamén para reivindicar a algúns dos sinalados. Había moita dúbidas cando Luis Enrique anunciou a convocatoria de Sarabia e o xogador do PSG foi decisivo.

Fixo o terceiro aproveitando un pase de Jordi Alba. E participou no cuarto dándolle a asistencia a Ferrán Torres, que entrara só un minuto antes por Morata. O xogador do Manchester City asinou un luxazo. A escasa resistencia eslovaca desapareceu. Cada chegada dos de Luis Enrique amezaba con acabar en gol e por se acaso, os propios eslovacos estaban dispostos a rematar cara a súa portería, así chegou o quinto, tralo remate coa testa de Pau Torres.

España reacciona xusto a tempo para a segunda fase

Noticias web

23/06/2021