CRTVG

Buscar

España gaña 69.400 ocupados no peor terceiro trimestre en seis anos

Publicado o 24/10/2019 11:19

O número de ocupados aumentou en 69.400 persoas durante o terceiro trimestre do ano, ata os 19.874.300 traballadores, na peor evolución para este trimestre do últimos seis anos, desde 2013.

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de desempregados diminuíu en 16.200 persoas no terceiro trimestre, na que é a peor cifra para este período desde 2012, cando aumentou.

Este descenso deixa o número de parados en 3.214.400 e rebaixa unha décima a taxa de paro ata o 13,92 %, por baixo do 14 % por primeira vez en dez anos.

No último ano o mercado laboral sumou 346.300 persoas, unha alza do 1,77 %, o que eleva a cifra total de ocupados por encima dos 19,8 millóns.

Tamén en evolución anual, o paro cae un 3,36 %, con 111.600 desempregados menos: 109.100 homes e 2.500 mulleres.

Na creación de emprego destes meses (xullo, agosto e setembro) tivo especial peso o emprego público, que sumou 34.200 ocupados, coa contratación de profesores. O emprego privado achegou 35.200 empregados.

Por sectores, a ocupación aumentou no trimestre en servizos, con 87.700 persoas máis nuns meses con relevancia de hostalería e restauración en tempada estival; e industria, con 51.200.
Pola contra, baixou en agricultura (63.000 menos) e na construción (6.500).

No paro, e tamén por sectores, o desemprego baixou na industria, 15.800 parados menos, e nos servizos, con 8.600 menos.

En cambio, incrementouse na agricultura, con 20.000 parados máis, e na construción, con 3.100 máis.

Os asalariados aumentaron este trimestre en 101.700 -os que teñen contrato indefinido subiron en 25.100 e os de contrato temporal, en 76.600-, mentres que o número de autónomos descendeu en 30.700.

Por sexo, o emprego aumentou no trimestre en 74.300 homes e diminuíu en 4.900 mulleres. No paro, o masculino baixou en 33.700 ata os 1.500.500, mentres que entre as mulleres incrementou 17.400, ata 1.713.900.

Por nacionalidade, a ocupación subiu en 32.800 persoas entre os españois e en 36.700 entre os estranxeiros. No paro, subiu entre os españois en 9.300 e diminuíu entre os estranxeiros en 25.600.

Por idade, o emprego creceu no trimestre entre os menores de 30 anos e entre os de 50 e máis, co maior aumento (81.800 ocupados máis) entre as persoas de 20 a 24 anos.

No paro, déronse baixadas entre as persoas de 55 e máis anos e de 25 a 54 anos.

Tendo en conta a evolución do número de activos, que aumenta este trimestre en 53.200, ata 23.088.700, a taxa de actividade do mercado laboral en España baixa tres centésimas, ata o 58,72 %. No último ano, a poboación activa incrementouse en 234.700 persoas.

Por rexións, e en ocupación, os maiores incrementos de emprego este trimestre déronse nas Baleares, con 41.000 máis; en Cataluña, 31.300, e en Valencia, con 16.700. Fronte a isto, os maiores descensos observáronse en Andalucía (35.000 menos), no País Vasco (15.100) e nas Canarias (8.500).

En canto ao paro, as maiores baixadas trimestrais foron nas Baleares (24.700 desempregados menos), en Madrid (10.500) e en Cataluña (9.200). E os maiores incrementos en Andalucía, con 30.300 parados máis; en Murcia, con 6.000 máis, e no País Vasco, con 5.600 máis.