CRTVG

Buscar

España encara unha nova normalidade sen covid pero alerta respecto ao inverno

Publicado o 09/10/2021 09:09
España encara unha nova normalidade sen covid pero alerta respecto ao inverno

Tras vinte meses e cinco vagas epidemiolóxicas, nestes momentos a pandemia atópase controlada en España cunha incidencia inferior aos 50 casos por 100.000 habitantes, algo que permite neste momento relaxar restricións e comezar a pensar nunha normalidade tan desexada coma impredicible.

Aínda que o coronavirus remite a niveis nunca vistos no noso país desde xullo de 2020, o comportamento do virus durante os meses de inverno mantén en alerta o persoal experto, que apela a estar "atentos" e "pendentes" da súa evolución.

"Paréceme bastante difícil que non haxa un incremento de transmisión, que non ten que significar que ocorra o mesmo que noutras ondas. Con tanta poboación vacinada, é probable que ese aumento na incidencia non chegue a picos tan altos de ocupación de camas hospitalarias e mortalidade", explica o epidemiólogo Pedro Gullón.

Este "posible" aumento da incidencia non vai ter "a mesma importancia" que nas outras ondas, pero obriga o mundo científico a avisar de que, probablemente, o virus estea presente durante uns cantos meses máis.

A máscara ata primavera

Por iso, e malia o relaxamento de medidas iniciado polas comunidades -oito delas concluíron xa o proceso de desescalada hai uns meses-, mantéñense algunhas medidas de seguridade, como a máscara, de uso obrigatorio en interiores ou cando non se garante a distancia interpersoal.

Precisamente o uso da máscara seguirá presente durante varios meses, tal e como indicou esta semana a ministra de Sanidade, Carolina Darias, quen advertiu que esta restrición perdurará polo menos ata a primavera de 2022.

Para Gullón, o cobrebocas é unha medida eficaz, sen "efectos secundarios nin danos" para a poboación pero que, en cambio, ten "enormes beneficios" para lidar con outros virus respiratorios como a gripe. "Quizais nun futuro se poida manter a máscara só para as tempadas de inverno. Pero se houbese un aumento da incidencia, quizais se tería que dar marcha atrás", explica.

A terceira dose

Sobre a inoculación da terceira dose a persoas vulnerables e maiores de 70 anos, o epidemiólogo explica que é un proceso "seguro" para a saúde, á vez que lembra que non hai risco de padecer efectos secundarios adicionais aos xa coñecidos (febre, sensación de cansazo e dor na zona da inxección).

Con todo, recoñece que esta dose de reforzo non se poñería se non houbese tantas vacinas nas neveiras -as comunidades gardan uns cinco millóns de soros pendentes de administrar-. O que si ten claro o experto é que a dose de reforzo non se proporcionará á poboación xeral, xa que a cohorte de idade para a terceira dose baixará "como moito" ata os 60 anos.

Galicia e Asturias

En España, só dúas comunidades (Galicia e Asturias) se atopan na nova normalidade con incidencias inferiores aos 25 casos de coronavirus por cada 100.000 habitantes a 14 días. O resto de territorios presentan incidencias de risco baixo e medio, pero a maioría continúan cunha tendencia á baixa na transmisión.

Noticias web

09/10/2021