España elimina a Serbia nas semifinais do Eurobasket feminino e suma a sétima medalla consecutiva
A selección española feminina de baloncesto segue a imprimir páxinas gloriosas na súa historia. Este serán acadará a sétima medalla consecutiva, dende 2013 remataron entre as tres primeiras en todos os Europeos, todos os Mundiais e os Xogos Olímpicos que se celebraron. Onte sufriron para derrotar a Serbia nas semifinais. Xogaron contra a anfitrioa e, polo tanto, xogaron contra presión, contra o ambiente infernal. E tiveron que sufrir. No terceiro cuarto, as xogadoras interiores cargáronse de faltas polo que afrouxaron na defensa. Unha tripla de Butulija colocou as locais por diante, 62-64 a 4.33 do final. As xogadoras de Lucas Mondelo non se puxeron nerviosas, volveron coller o mando e non o soltaron ata o final, 71-66. Astou Ndour apunta a MVP do torneo: 17 puntos, 5 rebotes e 18 de valoración ante Serbia. Pero nese encontro, a máis destacada foi Laura Nicholls, cun dobre dobre, 10 puntos, 10 rebotes 23 de valoración. Na final agarda Francia. Os tres ouros europeos acadados por España foron sempre ante as francesas. E de gañaren, volverían ser campioas de Europa por segundo torneo consecutivo, algo que non se acada dende que o fixera a URSS en 1991.