España e Portugal estreitan a colaboración arredor dos fondos europeos de recuperación
A cidade lusa da Guarda viviu hoxe unha presenza institucional inusitada. Os xefes de Goberno de España e Portugal, Pedro Sánchez e António Costa, e máis de vinte ministros dos dous países estreitaban relacións e análises a partir dos fondos de recuperación europeos.
"Quero suliñar a completa aliñación que ten o plan de recuperación que nós mesmos, o Goberno de España, presentamos esta mesma semana cos obxectivos que formulou o Goberno de Portugal: a transición ecolóxica, a transición dixital, a cohesión social e tamén territoial e a perspectiva de xénero ante esta pandemia, que loxicamente está afectando de maneira moi singular á metade da poboación que é a poboación feminina", declarou o presidente español..
Os dous gobernos estableceron un punto de partida para compartir proxectos derivados deses fondos. Falouse, en concreto, de alternativas relacionadas co hidróxeno, o 5G e os satélites. Tamén se tratou da necesidade de mellorar a cooperación transfronteiriza e, iso si, tanto Sánchez coma Costa descartaron un novo peche da fronteira hispano-lusa por mor da pandemia.: "Non temos en absoluta esa intención. É máis, calquera toma de decisións que fagamos vaise facer desde un punto de vista homoxeneo e compartido evidentemente co Goberno portugués e co resto de gobernos europeos".
Portugal presidirá a Unión Europea no primeiro semestre de 2021 e Pedro Sánchez asegurou a colaboración para que constitúa todo un éxito "en momentos cruciais para o vello continente".