CRTVG

Buscar

España é 1 grao máis calorosa que na década dos 60

Publicado o 02/07/2020 21:41

O 2019 foi 0,8 graos máis caloroso do normal. O primeiro informe anual do estado do clima en España confirma o aumento da temperatura media e un moderado descenso das precipitacións.

"O feito de que haxa choivas torrenciais non quere dicir que teñamos máis abundancia de auga. A situación de seca meteorolóxica para o conxunto do ano foi unha constante no segundo semestre", explica Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica.

Débese aos cambios na distribución da precipitación anual: aumentan as choivas torrenciais, pero tamén os períodos de seca. De feito, o 2019 foi o sexto máis cálido dende que comezou a serie en 1965. 

"Só nunha pequena franxa de Castela e León o ano foi normal, no resto foi cálido, moi cálido ou extremadamente cálido", asegura o voceiro da AEMET, Rubén del Campo.

E no que levamos de ano, os datos volven ser históricos: "Non houbera un período tan cálido de xaneiro a maio. Xuño foi a excepción. Comezou frío, pero rematou con bastante calor polo que acabará dentro do normal", matiza.

As previsións da Axencia falan dun verán caloroso sobre todo na metade sur. Haberá que agardar ao informe do vindeiro ano para saber se, de novo, a temperatura media segue a bater marcas.

Noticias web

02/07/2020