CRTVG

Buscar

España doará 7,5 millóns de doses de vacinas a América Latina este ano

Publicado o 21/04/2021 21:44

O Cumio Iberoamericano debía celebrarse en novembro, pero a pandemia obrigou a atrasalo. Tampouco estaba previsto que fose un encontro con só 5 mandatarios presentes e 11 a través de videoconferencia. E menos aínda que, nunha cita convocada para falar de innovación o protagonismo fose para a vacina contra a covid-19. O presidente dominicano denunciou o acaparamento do fármaco polos países ricos, do que tamén se facía eco o secretario xeral da ONU.

"Se esta perigosa tendencia de nacionalismo de vacinas e acordos paralelos continúa, a vacinación en países en desenvolvemento podería levar anos, atrasando aínda máis a vacinación mundial", argumentou António Guterres, secretario xeral da ONU.

Na súa intervención, Pedro Sánchez asegurou que o Goberno de España está comprometido co acceso equitativo e universal que demostra o noso plan de vacinas solidarias. Cando o noso país teña o 50 por cento da poboación vacinada, parte das doses destinaranse a América Latina.

Na mesma liña se manifestou o rei Filipe, amosando o orgullo pola solidaridade de España con Iberoamérica. O monarca salientou a cooperación reforzada coas nacións irmás de América, e pediu tamén preocupación común por facilitar o acceso das vacinas dos máis vulnerables.

Tamén no marco da pandemia, A Arxentina pediu aliviar o pago da débeda dos países máis vulnerables. Non estiveron os mandatarios do Brasil, México, Nicaragua, O Salvador e O Paraguai. Tampouco o venezolano Nicolás Maduro, que se descolgou a última hora. Si participou o líder cubano Miguel Díaz Canel, unha asistencia que marca a volta dun mandatario cubano a este foro desde 2001.

Noticias web

21/04/2021