CRTVG

Buscar

España aproba unha lei pioneira que estreita o cerco ao abuso infantil

Publicado o 20/05/2021 17:17
España aproba unha lei pioneira que estreita o cerco ao abuso infantil

O Congreso aprobou definitivamente a lei de protección á infancia, unha norma pioneira que suscitou un amplo consenso e dá resposta ás demandas históricas das organizacións de menores. Contou con 297 votos a favor e só 52 en contra, todos da agrupación Vox.

Coa súa entrada en vigor, haberá máis tempo para denunciar os abusos infantís, xa que empezará a contar a prescrición dos delitos cando a vítima teña 35 anos, e non 18 como agora. Ademais, calquera persoa que coñeza un caso ou teña sospeitas deberá comunicalo.

A lei, cun financiamento de 70 millóns de euros, amplía a definición de violencia, persegue delitos cometidos a través de Internet, crea unidades especializadas nas forzas e corpos de seguridade, xulgados e fiscais especializados, un Rexistro Central de Información e unha coordinación de benestar e protección nos centros educativos.

Coa norma, cando o caso chegue aos tribunais, as vítimas menores de 14 anos só terán que declarar unha vez durante a investigación e quedará suspendido o réxime de visitas cando se dite unha orde de protección por violencia de xénero ou haxa indicios de que algún fillo ou filla presenciara ou sufrira malos tratos.

Melloras incluídas

Durante a tramitación parlamentaria no Congreso e no Senado, incluíronse melloras ao texto remitido polo Goberno o pasado mes de xuño por trámite de urxencia, moitas delas trasladadas polas entidades de infancia.

Na Cámara Alta, incorporouse a prohibición de realizar espidos integrais ou exploracións xenitais nas probas para determinar a idade de menores sen acompañamento, e sumou o apoio dos partidos nacionalistas ao garantir o respecto ás competencias das comunidades autónomas.

Tamén, agrega a limitación das medidas de contención física, como as suxeicións á cama en centros de menores.

Na Cámara Baixa, mellorouse o recoñecemento do dereito dos menores a ser escoitados ao longo de todo o proceso, eliminado formulacións sen base científica como a chamada síndrome de alienación parental, que presupón que a nai manipulou o fillo contra o pai.

Lei pioneira

As organizacións sociais coincidiron en que é unha "lei pioneira" e supón un avance histórico, situando a España como referente a nivel internacional e incorporando os requirimentos do Comité de Dereitos do Neno desde 2010.

Porén, advertiron de que agora queda aplicala: fíxanse prazos e exprésanse compromisos que se deben cumprir, salientan Save the Children, a Plataforma de Infancia e Unicef.

Por exemplo, lembran o mandato de crear xulgados especializados en infancia, a aprobación dunha estratexia e a creación do Consello Estatal de Participación Infantil, que vai dar voz aos nenos para a elaboración das políticas públicas.

Celebración ás portas do Congreso

As ONG celebraron este xoves a aprobación na escalinata dos leóns, nunha das portas do Congreso, xunto á ministra de Dereitos Sociais, Ione  Belarra, e o Alto Comisionado do Goberno contra a Pobreza Infantil, Ernesto Gasco.

"Non vai ocupar portadas a aprobación desta lei, pero é un paso esencial que  demostra que a política pode, debe e vai mellorar a vida dun país", salientou Belarra durante o debate parlamentario, quen insistiu en que "un maltratador xamais será un bo pai".

"Podemos dicir que estamos a facer política con maiúsculas, a que cambia a vida da xente e dálle sentido á palabra democracia", concluíu.

Noticias web

20/05/2021