CRTVG

Buscar

España aproba a primeira lei climática para avanzar na sostibilidade enerxética

Publicado o 13/05/2021 18:27

O Congreso dos Deputados aprobou este xoves a primeira Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética de España para loitar contra os gases de efecto invernadoiro, sen o apoio do Partido Popular, de Vox e de Más País.

A nova Lei, que será efectiva ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial do Estado, establece unha folla de ruta para acabar coa venda de coches contaminantes no 2040, recortar a emisións de gases contaminantes e alcanzar a plena descarbonización.

A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, dixo durante a súa intervención na cámara baixa que esta é "unha lei imprescindible que o país necesitaba”.

"Abordamos retos complexos nun momento difícil para a nosa sociedade. Porén, é nesta mesma conxuntura en que se amosa con total evidencia a urxencia de transformar o noso modelo de desenvolvemento e o noso xeito de vida e integrar nela os criterios de sustentabilidade e  resiliencia", asegurou.

PP, PSOE e UP

Polo Grupo Parlamentario Popular, Guillermo  Mariscal apuntou: "É un proxecto pequeno e limitativo que chega tarde, porque en setembro de 2018 presentamos a primeira proposición de lei de cambio climático e vostedes rexeitárona".

Dende as filas do PSOE, Helena Caballero Gutiérrez defendeu unha norma que "escoitou" as demandas da mocidade, dos grupos ecoloxistas, das empresas e doutros moitos actores da sociedade, polo que demostra que é unha "lei moi participada" que non deixa ninguén atrás.

Juantxo López de Uralde (UP) agradeceu a todas as persoas que axudaron a sacar adiante esta lei, que non foi "doada de xestionar", para resaltar o intenso debate que propiciou a súa tramitación. Malia o que din outros grupos, engadiu, "non chegou tarde", senón que tivo que agardar a un goberno con políticas ambientais capaces de sacar adiante a norma.

Vox e Grupo Plural

Para Mireia Borrás (Vox) "son xa moitos españois os que están a sufrir as consecuencias desta lei e que se manifestan hoxe fronte ao Congreso, e este Goberno, coma sempre, mirará cara a outro lado".

Borrás engadiu que a única modificación que votarán a favor é a do artigo 20.4 sobre a ocupación do dominio público marítimo terrestre, "unha absoluta barbaridade" que atentaba contra a seguridade xurídica e que, polo menos, nesta nova versión se parchea eliminando a súa retroactividade, un pequeno detalle que custaría o emprego a milleiros de persoas que viven do mar.

Polo Grupo Plural, a deputada de Más País Inés Sabanés asegurou que esta norma chega con dez anos de atraso e fixo fincapé en que esquece o fundamental: "aumentar a ambición para loitar valentemente contra a emerxencia climática".

"Hai dez anos sería unha norma moi avanzada, pero hoxe fai falla pisar o acelerador porque o tempo esgótase", incidiu.

Durante o debate, un grupo dunhas cincuenta persoas pertencentes ao Sindicato de Traballadores (STR) manifestáronse no exterior do Congreso para protestar contra a aprobación da norma ao berro de "Transición sen destrución", mentres portaban unha pancarta en que se lía "Polo futuro da industria química e o refino".

Compromisos internacionais

A nova lei do clima axudará a España a cumprir cos seus compromisos internacionais para combater o cambio climático e alcanzar antes de 2050 a neutralidade climática.

Ademais, propiciará un sistema eléctrico con, polo menos, un 74 por cento de xeración de renovables, fronte ao 40 por cento actual.

A norma parte con dúas datas chave para o seu desenvolvemento: o 2030, cando España deberá reducir un 23 por cento as emisións de gases de efecto invernadoiro respecto a 1990 (tres puntos máis do texto que o Goberno enviou ao Congreso fai agora case un ano), e o 2050, ano para alcanzar a neutralidade climática.

Noticias web

13/05/2021