Positivos e gromos seguen en aumento en España e con eles, as restricións
Estremadura decretou o illamento de Villarta de los Montes, en Badaxoz, tras contar ata o momento 37 positivos entre os seus 400 veciños.
A localidade súmase a outras como Aranda de Duero, en Burgos, con 32.000 habitantes, que afronta a primeira fin de semana de confinamento perimetral por risco de transmisión comunitaria.
Precisamente, na capital de Aragón, para garantir que positivos e contactos cumpren a corentena as autoridades decidiron establecer controis domiciliarios no barrio de Delicias, o que ten máis casos.
Noutras localidades españolas están facendo cribados masivos para detectaren asintomáticos que poidan contaxiar sen sabelo, como os iniciados en Tarrasa.
Ou chamamentos a facer as probas por brotes en establecementos públicos. En Vitoria, por exemplo buscan posibles contaxiados entre os clientes dun resturante e dunha discoteca.
Nestes momentos hai preto de 600 brotes activos no conxunto de España e non deixan de aparecer máis. Andalucía, por exemplo, informou de seis novos nas últimas vintecatro horas e Madrid, de un.
Cataluña tamén contabilizou 1.143 contaxios desde onte.
Ademais Canarias puxo fin a dous meses sen falecidos ao sumar dous mortos e Ceuta, o único punto sen positivos activos, detectou un.
Preocupa o incremento de casos e máis aínda a súa entrada en residencias de maiores. En Aragón hai 52 centros con anciáns contaxiados. Só na de Burbáguena xa morreron seis avós.