CRTVG

Buscar

España acorda cos EUA acoller 4.000 afgáns en quince días

Publicado o 23/08/2021 20:46
España acorda cos EUA acoller 4.000 afgáns en quince días
EFE

España acordou cos Estados Unidos que as bases militares de Rota (Cádiz) e Morón de la Frontera (Sevilla) poidan acoller durante dúas semanas ata un máximo de 4.000 dos seus colaboradores afgáns, mentres que Torrexón de Ardoz segue sendo porta de entrada dos que saen do país a través de voos da Unión Europea.

Nas últimas horas, España asinou un memorando de entendemento cos EUA, dentro do Convenio de Cooperación para a Defensa entre ambos os países, segundo indicaron fontes do Ministerio de Asuntos Exteriores este luns. En virtude deste memorando, os voos estadounidenses chegarán á Base Naval de Rota e á Base Aérea de Morón con afgáns evacuados, no seu camiño cara a lugares de reasentamento máis permanentes en Estados Unidos e en terceiros países. 

Nun comunicado feito público hoxe pola Embaixada de Estados Unidos en Madrid, Washington agradece "a colaboración do Goberno español", en especial "os últimos 20 anos en Afganistán". "A nosa cooperación para poñer a salvo a quen apoiaron os nosos esforzos colectivos en Afganistán é un testemuño da solidez dos nosos lazos bilaterais e do noso compromiso como aliados da OTAN", di o comunicado.

Este memorando coñécese despois de que o pasado sábado, o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, mantivese unha conversa telefónica co presidente estadounidense, Joe Biden, en que ambos analizaron a situación en Afganistán.

Mentres, España continúa actuando como a porta a Europa, e este mesmo luns chegou á base de Torrejón un novo avión con 260 novos evacuados, a maioría familias. Entre eles hai 55 menores, dos cales 14 son bebés, un de tan só quince días e outro dun mes. Tamén hai 16 anciáns.

A oposición aproba o dispositivo

Desde a oposición, tanto o Partido Popular como Ciudadanos expresaron o seu respaldo ao dispositivo de evacuación, pero volveron reclamar que o xefe do Executivo dea explicacións a respecto diso no Congreso dos Deputados. 

Ante a conversación entre Sánchez e Biden o líder do PP, Pablo Casado, sinalou que a interlocución chegou 7 meses tarde, cre que debería "dar pé" a que os Estados Unidos tratasen a España como un "socio privilexiado e aliado" e propón que Rota sexa sede de VINA frota norteamericana no Mediterráneo e que, xunto a Morón, albergue o mando para África de Estados Unidos (Africom).

O vicesecretario xeral e portavoz do Comité Executivo de Cs, Edmundo Bal, celebrou que o dispositivo "posto en marcha por España estea a saír tan ben, de que o nome de España estea a quedar onde se merece na escena internacional", pero sostivo que "a foto e as medallas" non son para o presidente, senón que llo merecen "os servidores públicos". 

Desde o Goberno, Escrivá asegurou que Sánchez dará explicacións, aínda que "agora a prioridade son os refuxiados afgáns". "Neste momento debemos estar todos ao que estamos, que é a realizar unha operación tan importante como a evacuación da xente de Cabul", apuntou pola súa banda a ministra de Defensa. 

Noticias web

23/08/2021