España achégase aos dous millóns de casos tras sumar 30.759 dende Noitevella
O Ministerio de Sanidade notificou 30.579 novos positivos de covid-19, o que eleva a cifra total de contaxios a 1.958.844 e a de mortos a 51.078, con 241 máis desde o pasado xoves, así como un descenso da incidencia acumulada en 14 días, que baixa en 7,29 puntos ata os 272,22 casos de covid por cada 100.000 habitantes.
Ademais, as comunidades notificaron a Sanidade que hai 13.458 enfermos ingresados (1.925 máis que o 31 de decembro) nos hospitais, cunha ocupación do 11,2 por cento fronte ao 9,49 % do pasado xoves, que no caso das UCI se sitúa no 23 por cento das camas (21,21 % en Noitevella).
Para o ministro de Sanidade, Salvador Illa, estas cifras indican que a pandemia en España segue crecendo e non se pode baixar a garda nas próximas semanas nin relaxar as medidas. Illa fixo estas declaracións en conferencia de prensa tras participar na reunión da Comisión Interterritorial de Saúde na que analizou coas comunidades a evolución da pandemia, e lembrou que as comunidades autónomas incrementaron as restricións nas últimas horas para combater a pandemia ou o van a facer nos próximos días.
"Todos os conselleiros expresaron a súa preocupación pola evolución da pandemia", dixo o ministro, mentres alertaba de que desde o pasado 31 de decembro se percibe que a "tendencia de crecemento dos casos tradúcese nun aumento da hospitalización". Por iso, insistiu en "non baixar a garda, non só ata o día de Reis senón nas próximas semanas porque veñen complicadas" e advertiu de que aínda que os datos sobre a evolución do covid "teñen un decrecemento, hai atrasos de notificación".
Neste sentido, a directora do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade ( CCAES), María José Sierra, advertiu de que "ata dentro de varios días non poderá haber unha valoración precisa" do impacto que o Nadal tivo nos contaxios. Este luns a maior presión hospitalaria nas ucis segue estando en Cataluña, con 35,51 % de ocupación (34,10 % o pasado 31 de decembro); seguida de Baleares, con 34,59 % (30,48 %); Comunidade Valenciana, con 34,04 % (29,25 %); Madrid, con 29,56 % (25,65 %), Castela-A Mancha, con 26,85 % (26,05 %), e Castela e León, con 27,29 (25,92 %).
A incidencia acumulada, que o último día de decembro situábase en 279,51 casos, descendeu ata 272,22, aínda que Sierra manifestou que este dato irase "axustando" nos próximos días e lembrou que "estivo por baixo dos 200 ao redor do 10 e 12 de decembro".
Por comunidades, o maior número de contazios rexístrase en Estremadura, con 604, que superou a Baleares, cunha incidencia acumulada de 529,90 (530,86 en Noitevella); Madrid 375 (400,04); Castela-A Mancha 356,20 (329,44); Cataluña 337,40 (369,07), e a Comunidade Valenciana, con 322,62 (390,73).