CRTVG

Buscar

Esixen xustiza no 25 aniversario do crime do Ceao

Publicado o 30/04/2019 14:31
Esixen xustiza no 25 aniversario do crime do Ceao

O crime do Ceao fai 25 anos e, se nada o impide, todo apunta a que vai quedar sen resolver.

Xenreira, impotencia e dor son os tres sentimentos que predominan nos familiares e amigos de Elena e Esteban, os dous traballadores asasinados, hai este martes un cuarto de século, nunha nave do polígono industrial do Ceao, en Lugo.

Un crime que, segundo os achegados ás vítimas, "non hai interese en resolver" despois dunha investigación que cualifican de chapuza.

O asasinato sen resolver de Elena e Esteban fixo que co paso do tempo Isabel, irmá de Elena, e Beli, cuñada de Esteban, se fixeran boas amigas e confidentes. Comparten a dor infinita do asasinato de dous seres amados e tamén a crenza de que a xustiza lenta non é xutiza.

As dúas vítimas foron tiroteadas hai 25 anos no Cash Record do Ceao, en Lugo, onde traballaban. Elena tiña 32 anos e era caixeira. Esteban tiña 25 e era repoñedor.
Non queren que o dobre crime do Ceao quede no esquecemento.

Esta mañá puxeron en cada porta da muralla de Lugo carteis explicativos cos rostros das vítimas.
É moi duro vivir sen eles. Elena, por exemplo, cando a mataron, deixou dous nenos de catro e seis anos. Criounos isabel, as súa tía, abandeirada en manter viva a memoria da súa irmá.

Beli cóntanos que ao seu home, que é o irmán da outra vítima, tampouco lle pasa a pena nunca, o mesmo ca a súa sogra, a nai do asasinado, que segundo nos conta, morreu coa dor.
A xenreira e a impotencia medra cada día.

Esta tardiña está prevista unha manifestación diante dos xulgados.

Noticias web

30/04/2019