CRTVG

Buscar

Esixen que haxa controis horarios nos locais de citas de Vigo

Publicado o 08/10/2020 14:04

A pandemia obrigou a marcar horarios e quendas a moitísimos sectores. Porén, hai outros que parecen vivir á marxe. É o que opinan veciños, hostaleiros e comerciantes da zona histórica de Vigo sobre os locais de citas que sobreviven na parte alta do barrio. Algún deles mesmo anuncia que permanece aberto desde as seis da mañá ás doce da noite.

Os veciños do barrio histórico non entenden como hai sectores que parecen estar á marxe das restricións horarias e das medidas sanitarias, como algúns locais que se dedican á prostitución.

Desde hai un cuarto de século, este barrio mariñeiro, onde historicamente houbo moitos clubs, loita por cambiar de imaxe e converterse nun barrio residencial, pero algúns locais persisten na súa actividade con amplísimos horarios e con bastante descontrol sanitario, segundo indican algúns veciños.

Outros pensan que a actividade diminuíu bastante desde que non chegan á cidade transatlánticos, momento en que se formaban grandes ringleiras ás portas deste local.

En todo caso, hostaleiros, veciños e comerciantes consideran que os horarios tan extensos e o tipo de actividade que se desenvolve nestes locais presenta moitos riscos sanitarios polo coronavirus, pero tamén por outras enfermidades.






 

Noticias web

08/10/2020