CRTVG

Buscar

Esgotadas as 25.000 citas na web do Sergas para mozos de 16 a 21 anos

Publicado o 07/08/2021 20:58

• A alta demanda colapsou a web do Sergas a primeira hora do sábado

Os que tiveron éxito din que non foi labor doado

Os ocos habilitados polo Sergas para que os mozos de 16 a 21 anos se citaran na web do Sergas e na App móbil para vacinarse contra o coronavirus esgotáronse a primeira hora da tarde. A elevada demanda obrigou a poñer en marcha un plan de continxencia para aliviar o tráfico da rede, despois do colapso da primeira hora do sábado, mesmo antes das 9 da mañá.

A programación destas citas fíxose na fin de semana para precisamente evitar posibles repercusións nos sistemas asistenciais. Despois dunha primeira hora máis lenta no proceso, a partir das 10 da mañá, xa se estaban citando arredor dunhas 300 persoas cada 10 minutos, ata chegar ás 2.000 cada dez minutos, ao longo do día.

Antes das nove da mañá xa había solicitudes, e que nalgún momento houbo mais de 50.000 por minuto, alcanzándose nas primeiras dúas horas, 1,6 millóns. Malia este volume o plan de continxencia e o reforzo de recursos humanos e materiais previsto solucionou os atrancos e ás 14 horas, xa se xestionaran 6.000 citas e contras as 16 horas esgotáronse as 25.000 habilitadas para a fin de semana.

A Xunta xa abrira este tipo de citas pola internet en xullo para maiores de 50 anos e estudantes Erasmus; e días despois  abríronse 17.000 ocos e hoxe outros 25.000. A alta demanda demostra o interese existente pola mocidade para vacinarse.