Esgotada a edición en galego dun xogo de cartas para facer o Camiño
Agora que a pandemia dificulta a peregrinación a Santiago, colleu sona unha forma alternativa de facer o Camiño. É o xogo de cartas, Ultreia, creado por dúas mozas apaixonadas coa ruta xacobea. A baralla serve tamén de guía da peregrinación.
O Camiño uniu hai dez anos a María Pardo, de Monterroso, e a Gina Gisbert, de Valencia, que quedou a vivir aquí tras a peregrinación. Elas son as nais de Ultreia, un xogo de cartas co que vivir a maxia do Camiño mesmo cando non se pode saír da casa.
O primeiro en chegar a Compostela gaña nesta aventura, en que haberá que atopar albergues, comidas e monumentos para selar a credencial. Iso sempre que algún meigallo non se interpoña no Camiño.
Hoxe chegan á súa web pedidos de ultreiers de todo o mundo. Esgotaron a edición en galego e xa preparan a seguinte, porque sempre hai quen soña con facer o Camiño, aínda que, polo momento, teña que ser sobre unha mesa.