CRTVG

Buscar

Escrivá di que as súas palabras sobre os 'baby boomers' eran reflexións

Publicado o 02/07/2021 13:46

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, recoñeceu que este xoves "non tivo o seu mellor día" ao dicir que os baby boomers terían que asumir "algún axuste na súa pensión" ou traballar uns meses máis. Neste sentido, quixo deixar claro que o mecanismo de equidade interxeracional, que vai substituír o factor de sustentabilidade, está aínda por definir.

Na presentación dos datos do paro e da afiliación á Seguridade Social de xuño, xunto á vicepresidenta Yolanda Díaz, asegurou que "eran reflexións en voz alta". Confesou que onte era o día de transmitirlle certeza á poboación pensionista e, con estas verbas, non foi quen de facelo. "Entendéuseme mal", matizou.

En todo caso, o ministro cualificou o acordo de avance "extraordinario" e subliñou que o importante é que se conseguise garantir a revalorización das pensións conforme ao IPC.

Avalancha de críticas

A matización de Escrivá chega despois dunha avalancha de críticas dende diferentes forzas políticas. A vicepresidenta segunda do Congreso, a popular Ana Pastor, criticou as súas palabras ao considerar que xeraron unha "incerteza na cidadanía tremenda". Para o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, o acordo acadado sobre as pensións é "un parche" que compromete a viabilidade do sistema.

Pola súa banda, o deputado do BNG na Cámara baixa, Néstor Rego, lamentou que o primeiro paquete da reforma "consolida os efectos máis regresivos" das normas aplicadas polo PP. Nunha conferencia de prensa en Santiago, cargou contra o mecanismo de equidade interxeracional e contra a penalización ao adianto da xubilación.

Noticias web

02/07/2021