CRTVG

Buscar

O alcalde de Pontevedra temeu pola súa integridade físca tras ser increpado por traballadores de Ence

Publicado o 12/03/2021 15:14

Un grupo de traballadores de Ence e empresas auxiliares protagonizaron este xoves unha protesta contra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, contrario á permanencia da fábrica que a pasteira ten na cidade, ao que insultaron mentres saía do Concello e lle golpearon o coche.

Os traballadores, convocados polo sindicato Comisións Obreiras, decidiron encerrarse sobre as once da mañá nas dependencias administrativas do Concello para reclamar unha reunión co goberno municipal pontevedrés. O secretario de organización de CCOO en Pontevedra, José Luis García Pedrosa, acompañou os manifestantes e censurou que BNG e PSOE non buscasen "alternativas" para resolver a situación de Ence.

Acusou a ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribeira de estar "a perseguir" o persoal da pasteira para "darlle caza" e advertiu que "se pensan que lles vai saír gratis están tremendamente equivocados". "Só nos deixan como camiño a loita combativa", apuntou o representante sindical.

A protesta produciuse sobre as tres da tarde, cando Fernández Lores e membros do seu equipo abandonaron o Concello escoltados pola Policía Local. Entre berros e insultos, os traballadores perseguiron o rexedor ata o aparcamento onde tiña o seu coche e, ao saír, trataron de bloquear o seu paso e golpearon repetidamente o vehículo.

O alcalde estuda emprender medidas legais e os traballadores negan que houbese perigo. Lores acusou ao Partido Popular e a Ence de estar detrás destas accións.

Tamén o PSOE responsabiliza á empresa. Dende o Partido Popular insisten en rexeitar calquera tipo de violencia e os traballadores din que van amnetr as mobilizacións en defensa dos seus postos de traballo.

Tras este episodio, o alcalde e mais o portavoz municipal do PSOE, Tino Fernández, compareceron en conferencia de prensa para denunciar a "ocupación" do Concello por parte dos manifestantes. "Non viñan concentrarse, senón que viñan directamente a agredir verbalmente e mesmo fisicamente as persoas que alí estabamos", sinalou o rexedor nacionalista.

Fernández recoñeceu que nalgún momento tivo medo pola súa "integridade física" ante a "violencia" empregada polos traballadores.

Noticias web

12/03/2021