O xuízo contra Ana Julia Quezada, pendente de veredicto
Coa reiterada petición de perdón da acusada durante o uso do dereito á última palabra, rematou na Audiencia de Almería o xuízo contra Ana Julia Quezada, autora confesa da morte do pequeno Gabriel Cruz.
As acusacións pediron a prisión permanente para ela e a defensa 15 anos por homicidio.Mañá reúnese o xurado popular para emitir o seu veredicto.
Nas súas conclusións definitivas, a fiscala mantén a acusación de asasinato con aleivosía para Ana Julia Quezada, autora confesa da morte de Gabriel Cruz, e pide unha pena de prisión permanente revisable. Atribúelle tamén dous delitos de lesións psíquicas na persoa dos pais do pequeno e a agravante de parentesco.
A representante do Ministerio Público considera que durante a vista oral quedou demostrado o desapego emocional da acusada con respecto ao menor, que representaba un obstáculo na relación que mantiña co pai.
"Quedou acreditado unha antipatía e unha aversión inxusta totalmente cara a este neno, que a leva a unha intencionalidade perversa e consolidada no tempo".
A acusación particular mantivo tamén a súa petición de prisión permanente revisable e a defensa 15 anos por homicidio coas atenuantes de confesión, arrebato e actuar baixo efecto das drogas. A acusada utilizou o seu dereito á última palabra para volver pedir perdón.
"Pedir perdón a todos os familiares de Gabriel, aos pais, a todos os familiares e a todas as persoas ás que puiden facer dano coa miña acción".
O xurado popular reunirase mañá para emitir un veredicto.