CRTVG

Buscar

Escasos desprazamentos entre cidades polas restricións do coronavirus

Publicado o 01/11/2020 15:04

As restricións extraordinarias que se veñen aplicando esta fin de semana por mor da pandemia están a provocar un descenso moi acentuado tanto da circulación de vehículos particulares como no transporte de viaxeiros. O mal tempo tampouco está axudando e hoxe as rúas das cidades principais semellaban máis baleiras ca nunca.

As limitacións nocturnas, os peches perimetrais das cidades galegas principais e as restricións ás xuntanzas así como ao acceso aos locais de ocio e hostalería, estanse a deixar notar nos desprazamentos, que se reduciron signficativamente esta fin de semana.

Este domingo a presenza de vehículos nas estradas e rúas era máis reducida do normal nunha xornada festiva. Nalgunhas cidades como Santiago, o mal tempo acabou convencendo a moitos de non desprazarse, estudantes incluídos. Estes recorrían á resignación diante do panorama.

"Eu sei que podo volver á casa igualmente e ver a miña familia. Restrínxeme de quedar con outros amigos alí e non poder quedar para tomar un café con eles, e restrínxeme aquí, que é bastante diferente, eu non podo quedar con ningúen que non sexa convivinte. Eu vivo nunha residencia, que non se consideran conviventes, e só podo tomar un café soa", comenta unha universitaria.

Esta era a situación nas estacións de autobuses, onde se podía certificar a presenza de poucos viaxeiros e contados vehículos, por mor das restricións: "Nótase moito, sobre todo agora. Está case todo pechado. Mira un pouco, xa case non hai viaxeiros", lamentan nunha das dársenas.

Nas estradas o tráfico en cidades coma Compostela era aínda máis limitado que nun domingo calquera. "Pouca cousa - conta un condutor profesional-. O tempo tampouco axuda e entón a xente está na casa, que é o mellor que pode facer".

Nas estacións de tren o tráfico de pasaxeiros descendeu nun setenta por cento dende que empezou a pandemia, e esta fin de semana o panorama non mudou. Poucas persoas agardaban polos convois. A covid-19 unha vez máis volve converter en habitual o que meses atrás sería impensable.

Noticias web

01/11/2020