CRTVG

Buscar

Escasa dispoñibilidade de test rápidos nas farmacias no primeiro día de distribución

Publicado o 07/12/2020 14:29

A principal distribuidora farmacéutica de España inicia en Galicia a repartición das primeiras unidades de tests rápidos para a autodetección do coronavirus. Véndense en farmacias, pero con receita médica. E, de momento, están chegando a contagotas.

A súa venda está a xerar expectación entre os clientes, pero a súa distribución é aínda escasa, explica Ramón Gutiérrez del Olmo. Este farmaceútico de Santiago explica que aínda non os teñen fisicamente: "Noutros puntos de España xa os teñen e aquí será cuestión de días", di.

Moitos cidadáns ven nestes tests unha posibilidade para poder reunirse cos seus familiares máis vulnerables nestas datas de Nadal.

Sobre o uso dos tests serolóxicos que están chegando hoxe ás farmacias, hai que saber dúas cousas: a primeira, que estes tests se adquiren con receita, e van ser rigorosos na súa esixencia. A segunda, que son tests de anticorpos que, se dan positivo, sempre deben contrastarse cunha PCR.

"Isto mide as inmunoglobulinas M e as inmunoglobulinas G e pódeo facer calquera na súa casa. O problema é que poden dar unha falsa seguridade porque detectan a enfermidade unha vez que a tes desenvolvida, e esta enfermidade, en principio, contaxia cando aínda non chegaches a ter os síntomas", explican os farmaceúticos.

Son o mesmo tipo de tests que se ofreceron gratuitamente en Ourense, nas farmacias e na campaña do persoal de enfermería. Os farmacéuticos recoméndanos para quen teña tose ou un pequeno arrefriado e queira estar seguro de que non ten a covid-19.

Noticias web

07/12/2020