CRTVG

Buscar

Escalada de violencia en Israel, con vinte palestinos mortos

Publicado o 11/05/2021 08:45

O exército israelí bombadea a franxa de Gaza. Os últimos datos refiren, polo menos, 20 palestinos mortos, entre eles nove nenos, e 65 feridos por unha acción militar executada en resposta ao disparo de foguetes a Xerusalén, que Benxamín Netanyahu considera unha liña vermella que se acaba de cruzar. Esta noite continuaron os disturbios na cidade vella, e durante toda a xornada rexistráronse case 400 feridos e 263 hospitalizados nestes enfrontamentos. As protestas estendéronse polas cidades árabes do norte de Israel e a Cisxordania ocupada.

Non deixaron de soar as alarmas antiáereas, que se escoitaron en Xerusalén por primeira vez dende a guerra de 2014, igual que os proxectís interceptados polo escudo antimísiles, a Cúpula de Ferro. Hamás advertiu de que se as forzas israelís non se retiraban da Mesquita de Al-Aqsa actuaría en represalia polos crimes na cidade santa e a brutalidade contra o pobo palestino.

Os bombadeos en Gaza son os máis mortíferos dende 2019. Portavoces militares aseguran que a ofensiva non fixo máis que comezar.  A comunidade internacional observa con preocupación esta escalada de violencia. Os Estados Unidos condenaron enerxicamente os ataques aéreos a Israel e fan un chamamento á calma. Nunha liña similar maniféstase a Unión Europea; en Asuntos Exteriores, Josep Borrel pediu facer todo o posible para rebaixar a tensión na zona. 

A ONU advirte tamén dunha perigosa escalada; o Reino Unido pide poñer fin aos ataques contra os civís. Turquía desmárcase. Erdogan falou co presidente palestino Mahmud Abbas e prometeulle que fará todo o necesario para mobilizar o mundo enteiro, especialmente o islámico, para frear o terrorismo e a ocupación israelí. En Istambul e Ankara rexistráronse  nas últimas horas protestas en apoio a Palestina.