CRTVG

Buscar

ERC rompe as negociacións de investidura ata que a Avogacía do Estado se pronuncie sobre Junqueras

Publicado o 19/12/2019 21:06

• Moncloa respecta o ditame sobre Junqueras e ratifícase en abrir nova etapa

A xustiza europea dálle a razón a Oriol Junqueras e conclúe que tiña inmunidade desde que foi elixido deputado do Parlamento Europeo. O tribunal de Luxemburgo considera que o Supremo debou deixalo libre para recoller a súa acta de eurodeputado, posto que daquela estaba en prisión provisional.

A sentenza non implica necesariamente que o líder de Esquerra Republicana teña que saír do cárcere, porque agora si que está condenado por sedición e malversación. O Supremo ten a última palabra. O xuíz Marchena deulles cinco días ás partes para pronunciarse. Polo momento, a Fiscalía xa se opón a que poida ser excarcerado. O seu avogado vai pedir que o deixen libre, e que se anule ademais a sentenza do procés.

Andreu Van Eynde, avogado de Oriol Junqueras: "A sentenza di moi claramente que hai dúas cousas que teñen que pasar: primeiro que o deixen libre, e segundo anular a sentenza condenatoria"

A sentenza do Tribunal de Luxemburgo dálle forza a Esquerra Republicana. O partido de Junqueras anuncia que non seguirá negociando a investidura co PSOE ata que a Avogacía do Estado, que depende do Goberno, pida a liberdade para o seu líder.

Marta Vilalta, ERC: "Que respecte e que acate esta sentenza, e que o faga de forma inmediata como sempre din que fan ás resolucións xudiciais e ás sentenzas. Agora veremos se o Estado español cumpre as sentenzas como sempre di que fai".

A través deste comunicado, o Goberno di que acata a sentenza e deixa en mans do Tribunal Supremo a decisión final sobre Junqueras. E asegura que a Avogacía do Estado está estudando o fallo.

Carmen Calvo, PSOE: "Estúdaa detida e concienzudamente para saber de que maneira podemos axudar o Tribunal Supremo para que se cumpra esta sentenza".

Desde o PSOE pídenlle a Esquerra que separe o ámbito xudicial do político e que continúe negociando. Pero as posiblidades de chegar a un acordo antes de fin de ano parecen cada vez máis lonxe.

Puigdemont espera o mesmo desenlace 

A sentenza debuxa novos escenarios tamén para Carles Puigdemont. O ex-presidente catalán e o ex-conselleiro Toni Comín saíron elixidos eurodeputados o pasado 26 de maio e tamén teñen abertas varias vías xudiciais para que se lles recoñeza a inmunidade. Puigdemont cre que a sentenza abre novas oportunidades políticas e confía en que lle permita recoller canto antes as súas credenciais na eurocámara.

Noticias web

19/12/2019