ERC mételle presión a Sánchez cunha consulta á militancia sobre a investidura
Esquerra Republicana mételle presión ao PSOE cunha consulta á súa militancia. Pregúntalle se están de acordo en rexeitar a investidura se non hai unha mesa de negociación. Para Junts per Cat e a CUP, esa mesa sería insuficiente e manteñen o non.
Si tería o aval, pola contra, do PNV.
Dende o PSOE non valoran a consulta e repiten que só eles e Podemos avogan polo diálogo. A voceira do Goberno di que o propio Sánchez traballa nas negociacións.
A consulta de Esquerra levarase a cabo o luns, pero o seu resultado non é vinculante. Tamén a militancia de Galicia en Común poderá votar o acordo de coalición a partir de mañá.
Á investidura de Pedro Sánchez referiuse hoxe o presidente da Xunta. Di Alberto Núñez Feijóo que o goberno de España o deciden Junqueras no cárcere e Puigdemont fuxindo da xustiza.