ERC pide unha mesa de negociación para Cataluña e Ciudadanos confirma o seu voto en contra
As contas para que a investidura saia adiante e se forme ese goberno de coalición do PSOE con Unidas Podemos son moito máis complicadas tras as eleccións do domingo pasado. O luns os socialistas aseguraban que era posible non depender dos independentistas. Pero tras o anuncio de Ciudadanos de se opoñer á investidura, a abstención cando menos de Esquerra resultaría imprescindible.
E Esquerra pon condicións para se mover do non á investidura que avanzou onte. Sentar e falar dun novo referendo. Preferentemente, pactado.
"Un referendo acordado, ou un referendo forzado a través da mobilización popular, da presión internacional, e organizado unicamente desde Cataluña", di o vicepresidente da Generalitat, Pere Aragonés.
O voto dos cinco deputados de Bildu, con menor peso na complicada aritmética da investidura, tamén ten prezo: o recoñecemento do dereito de autodeterminación para Euskadi e Cataluña.
Moito máis hostil, Junts per Cat acusa o presidente en funcións de estafa e dispendio electoral, e a Podemos de asumir o discurso do 155.
Con este panorama, o secretario de Organización dos socialistas aseguraba antonte que había outras combinacións para sumar os apoios necesarios.
"Imos seguir intentado, aínda que sexa sós, non depender dos independentistas. E é posible, é posible. Nese sentido imos seguir igual. Igual", sinalaba José Luis Ábalos.
Pero para que sexa posible, se todos os independentistas votan en contra, o proxecto de coalición entre o PSOE e Podemos precisaría, polo menos, o apoio de Ciudadanos. E Ciudadanos semella moito máis lonxe do si que Esquerra da abstención.
Ciudadanos
En Ciudadanos confirman que votarán en contra do acordo entre PSOE e Podemos, que cualifican de "nefasto" para España. Din que a súa oferta de desbloqueo pasaba por un pacto de centro e moderado que Sánchez desbotou, e que non lle darán un cheque en branco para aplicar as políticas de Podemos.
Alberto Núñez Feijóo tamén falaba do acordo hoxe no Parlamento. Dixo que a estabilidade política de Galicia será moito máis valorada polos galegos en canto comproben o que vai pasar no Executivo de España.