CRTVG

Buscar

ERC e Junts per Catalunya acordan un goberno de coalición cuxa Consellería de Interior dependerá dos republicanos

Publicado o 17/05/2021 19:48

O acordo establece que Esquerra Republicana e Junts per Catalunya terán cadansúas sete consellerías. Os republicanos dirixirán por primeira vez a de Interior. Ademais, consensuarán a estratexia cara ao independentismo a través dun órgano común en que tamén estáran a CUP e as asociacións civís ANC e Omnium. Contra o que esixía Junts per Catalunya, non estará coordinado polo Consell de la República que preside Carles Puigdemont.

Pere Aragonès, coordinador nacional de ERC, explicou: "Fomos quen de enterdernos para evitar unha repetición electoral que ninguén desexaba e fomos quen de construír un bo acordo que asegura un Govern forte".

Pese a non apoiala no seu día, Junts per Catalunya tamén acepta a mesa de diálogo co Goberno central, pero introduce mecanismos, como advertiu Jordi Sánchez, secretario xeral da organización: "Para que, se o estado non dá resposta positivia ás demandas que o independentismo democrático propón, teñamos a capacidade de seguir avanzando para facer viable o exercicio do dereito á autodeterminación".

O Goberno celebra o acordo, pese a lamentar que prime a autodeterminación sobre as políticas de esquerda, e espera que non se repitan vías unilaterais que non conducen a nada bo. 

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Priorizar o independentismo non nos parece o máis axustado, sobre todo agora que estamos coñecendo enquisas que din que o sentimento independentistas está baixando en Cataluña".

E o Partido Popular alerta das consecuencias do pacto. O seu presidente Pablo Casado dixo: "O independentismo catalán hoxe avanza nesta viaxe cara a ningunha parte con Sánchez como copiloto. Se Sánchez acepta indultos para seguir montado nese coche de copiloto, a lexislatura rematará".

Junts per Catalunya someterá o acordo ás súas bases para que o ratifiquen. Se non o fan, a formación apoiará desde fóra un goberno en solitario de Esquerra. O prazo para celebrar a investidura remata o día 26.

Noticias web

17/05/2021