CRTVG

Buscar

Enxeñeiros galegos crean un robot autónomo para limpar a superficie mariña

Publicado o 27/04/2021 14:18

Mide pouco máis dun metro cadrado e ten forma de catamarán, pero non leva tripulantes. O Nautilus é un vehículo autónomo, un dron, que en lugar de voar navega, por control remoto ou cunha ruta predeterminada, e que foi ideado para achegar solucións aos problemas de contaminación das augas portuarias.

Guillermo Giadanes, un dos inventores, explica que despois de estudar solucións que se aplican noutros países para limpar os residuos dos peiraos, deseñaron este catamarán "que ten unha cesta de aceiro onde se recollen os residuos sólidos".

Velo moverse con dilixencia pode traer á memoria os populares robots de limpeza doméstica, pero o Nautilus é máis espelido porque ten marcado o camiño de antemán e non colide nunca. A empresa concesionaria da limpeza do porto da Coruña é a nova propietaria deste enxeño, pero os seus creadores xa lle están buscando novas funcionalidades.

Tamén traballan na fabricación dunha estación de carga para as baterías de litio que lle permiten unha autonomía de oito horas.

Noticias web

27/04/2021