Envorca un camión cargado de conxelados sen causar feridos graves en Valga
Continúan en Valga os traballos para retirar un camión de gran tonelaxe que esta noite envorcou na nacional 550, ao caer por un desnivel duns tres metros. Foi o propio condutor o que avisou os servizos de urxencias.
Desde as primeiras horas do día, e durante parte da noite, efectivos dos bombeiros de Vilagarcía e de Protección Civil de Valga traballan na zona do accidente. Tamén se desprazaron ata alí operarios da empresa para retirar a carga do camión, que viaxaba desde O Porriño á Coruña. O seguinte paso, será a retirada do vehículo cun guindastre, que xa está na zona. O camión saíu da vía e envorcou sobre unha leira, ao caer por un desnivel dun tres metros. O camioneiro foi o que avisou o 112, contra as tres e media da mañá. Sacárono por unha ventá, tras romper o cristal.
"Despois viñeron bombeiros do Consorcio de Pontevedra, da subsede de Vilagarcía, e coa axuda deles, e dos camioneiros que estaban parados, demos sacado o chófer. Veu o 061 de Padrón, os médicos do PAC de Valga, e foi trasladado ao Clínico", explica Eduardo Rodríguez Bouzón, do GES de Valga
E estoutro accidente ocorreu tamén na nacional 550, unhas horas máis tarde, ás oito e media. O turismo saíu da vía e envorcou. A condutora, afortunadamente, saíu polo seu propio pé.