CRTVG

Buscar

Envelenan unha trintena de carballos en Avión

Publicado o 10/06/2021 20:49

O Seprona investiga o envelenamento dunha trintena de carballos no concello ourensán de Avión. A súa propietaria denunciou o caso ao comprobar que fixeran buracos de varios centímetros de diámetro no talo para introducir o veleno.

Se non fose porque secaron todos a un tempo, din os propietarios, nin se darían de conta. Pero abonda unha ollada ao talo dos carballos para descubrir por que secaron. Todos, sen excepción, teñen buracos de varios centímetros de diámetro.

Pilar Pérez, propietaria da carballeira: "Que tiñan todos 3 ou 4 buratiños e que lles botaron algún produto para secalos porque secaron todos, non quedou ningún".

Os buracos hai que buscalos, porque trataron de escondelos con follas e lique. Os propietarios da carballeira non dan creto.

Ángel González, marido da propietaria: "Posiblemente cun taladro ou algo polo estilo, aplicáronlle un produto químico. Non só aquí, senón arredor da árbore".

Pilar é incapaz de expresar o que sinte sen que lle veñan as bágoas aos ollos. A carballeira plantáraa seu pai hai décadas. Veñen visitala de vez en cando, pero non se deron conta do sucedido ata que notaron que a folla non brotaba, cando os dos arredores xa verdeaban.

Ángel González, marido da propietaria: "Iso é un ataque á propiedade privada, á natureza, e un insulto a min e á miña familia".

Xa denunciaron o caso perante a Garda Civil e están á espera de que veñan os axentes do Seprona, que investigarán quen puido obter algún beneficio deste acto.

Noticias web

10/06/2021