José Antonio Gómez: "A destrución de emprego ten moito que ver coa reforma laboral"
A destrución de emprego reflectida na última Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada polo INE "ten moito que ver coas reformas laborais impostas" e non só co estoupido da terceira vaga da pandemia, asegura o secretario xeral da UXT en Galicia.
Por iso, nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, José Antonio García considera urxente "derrogar" o marco lexislativo laboral, un dos compromisos asumidos polo Goberno. De feito, esta vai ser unha das principais demandas do sindicato no primeiro de maio.
Pídelle ao sector empresarial "que sente dunha vez por todas a negociar", para eliminar todos aqueles aspectos da reforma "lesivos" para a poboación traballadora. "A CEOE debería darse de conta de que crean máis desigualdades e máis pobreza", subliña.
Sector bancario
Na súa opinión, é "indecente" que as entidades bancarias axudadas durante a crise de 2008 con cartos públicos estean a condenar o seu persoal a uns "ERE tremendamente agresivos, que destrúen un volume de emprego brutal e provocan, no caso de Galicia sobre todo, a exclusión financeira da cidadanía co peche de oficinas".
Lamenta que a mocidade teña que optar, moitas veces, pola emigración para non estaren condenada ao "ostracismo" por unhas "condicións laborais e salariais deplorables". Ademais, amósase moi preocupado pola destrución de emprego no sector industrial.
Fondos de reconstrución "xustos"
Para reverter esta situación, considera imprescindible que os fondos de reconstrución europea sirvan para facer unha "transición xusta", que non deixe a ninguén atrás. Antes de rematar unha actividade ou retomar outra "hai que pactalo no marco do diálogo social" porque "eses centros de produción están aí ata que cheguen os novos".
Segundo José Antonio Gómez, os proxectos europeos que se presenten deben garantir "compromisos de emprego" e, polo momento, critica, ninguén falou deste asunto.
Políticas keynesianas
Pensa que os ERTE teñen que prorrogarse mentres dure a pandemia e que, tras a crise, sería importante "loitar pola Europa que queremos, non a dos mercados, senón a da cohesión territorial e social". Con este obxectivo, avoga polas políticas keynesianas que xa están a poñer en marcha os Estados Unidos e tenta impulsar Bruxelas cos fondos Next Generation.
Se a patronal non quere dialogar, considera que ao Goberno "non lle queda máis remedio" que cumprir co seu compromiso, "asinado polos dous partidos" que están no Executivo, de derrogar as reformas laborais impostas. "Non o dicimos nós, está a dicilo a Unión Europea", insiste, "que considera tremenda a taxa de temporalidade que hai no noso país".
Contratos axustados á realidade
E para cambiar esa situación, aposta por establecer un marco normativo cuns contratos que se axusten á realidade. "O que fai falta é que o tipo de contrato que se faga sexa para o que é", remarca.
Respecto ao teletraballo, lamenta que en Galicia sexa moi complicado nos ámbitos rurais porque non se dean as condicións axeitadas para ter acceso a Internet. Ademais, a UXT demanda un regulamento axeitado deste ámbito para que a empresa asuma os custos dos medios de produción.