CRTVG

Buscar

Unai Sordo: "En España o liberalismo foi máis papista ca o Papa"

Publicado o 31/05/2021 11:26

• O secretario xeral de CC OO di que a última reforma laboral lle deu todo ás patronais

O secretario xeral de Comisións Obreiras, Unai Sordo, considera que en España "o liberalismo foi máis papista ca o Papa". Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, cualifica de "despropósito" o proceso de privatización de compañías enerxéticas no noso país, onde o Estado "desapareceu de calquera tipo de control ou influencia". 

Pensa que a Administración Pública debe recuperar o seu papel activo nas decisións estratéxicas para que "o poder privado non actúe por libre". Por iso, no repartimento dos fondos europeos aposta por un "Estado emprendedor" que condicione as resolucións empresarias. "O poder democrático ten que influír".

Na súa opinión, estamos ante unha "oportunidade" para establecer novas fórmulas de xerar valor e impulsar dinámicas que impidan unha rendibilidade baseada en "soldos baixos, precariedade laboral e impostos" reducidos.

Derrogación da reforma laboral

O líder sindical lamenta que a última reforma laboral, do ano 2012, lle dera "todo ás patronais". Asegura que as empresas se afixeron á temporalidade e ao despedimento libre, polo que a negociación para cambiar o texto vai se complicada. "Hai que derrogala, pero non para volver á lexislación anterior, senón a unha máis equilibrada, que estabilice o emprego".

Segundo Unai Sordo, é preciso reforzar os intereses dos traballadores e traballadoras e buscar fórmulas, como se fixo nesta crise cos ERTE, para que o despedimento sexa o últimos recurso en momentos de dificultade.

Reivindica o contrato indefinido como o "ordinario e básico" en España e a recuperación dos equilibrios na negociación colectiva. "Imos ver se podemos chegar a un acordo. Se non, o Goberno terá que mover peza porque ten uns compromisos" cos sindicatos e coa sociedade que debe cumprir.

Reforma das pensións

Respecto á reforma das pensións, o secretario xeral de CC OO confirma que o acordo está moi avanzado. Ademais da derrogación do texto de 2013, están argallando un paquete de medidas para mellorar os ingresos da seguridade social e ofrecerlles "certezas" ás persoas que se van xubilar nos vindeiros 25 anos.

Proceso de "feminización"

Ao seu parecer, a nova secretaria xeral do sindicato en Galicia, Amelia Pérez, é un exemplo do proceso de feminización, "moi potente", que CC OO comezou hai un tempo. "Eu creo que o de Meli é un reto interesantísimo".

Salienta que é un "camiño sen retorno", xa que case o 47 % das persoas afiliadas son mulleres e cada vez son máis as que chegan a postos de responsabilidade. "Nos vindeiros meses, varias mulleres van ocupar secretarías xerais tan importantes como a de Galicia", anuncia. 

Noticias web

31/05/2021