CRTVG

Buscar

As embarazadas deben ir aos controis pautados, tomar precaucións e seguir activas

Publicado o 16/04/2020 20:17

A pandemia do coronavirus é preocupante para toda a poboación, pero o Sergas quixo poñer especial atención nas mulleres embarazadas. O principal é que manteñan a calma, teñan tranquilidade e sigan as recomendacións do persoal sanitario, que son as persoas que mellor lles poden resolver as dúbidas que de por si unha embarazada adoita a ter, especialmente cando se aproxima a data do parto.

O doutor Roberto González, do hospital Ávaro Cunqueiro de Vigo, explica cales son os protocolos que se estan a seguir e as recomendacións que deben respectar as embarazadas.

Explica Roberto Gónzalez que neste hospital de Vigo seguen mantendo os mesmos protocolos que tiñan antes da crise sanitaria: "O control do embarazo segue sendo exactamente igual, seguimos recomendando as nosas embarazadas que acudan a todos os controis, o único que fixemos foi agrupalos un pouco para que veñan o menor número de veces e, a ser posible, que non veñan acompañadas e, en caso de que iso sexa necesario, que os seus acompañanes esperen nos vehículos. O protocolo de atención ao parto segue sendo basicamente o mesmo. O único é que tomamos unha serie de precaucións para protexer tanto a embarazada como aos profesionais que a atendan, por exemplo, o uso das máscaras, e recomendamos moito, moito, a hixiene de mans; na sala de espera hai xeles hidroalcólicos para que tanto á chegada como cando se vaian fagan unha boa hixiene de mans".

De momento, non hai un protocolo unificado para Galicia, cada hospital adapta o seu segundo as súas circunstancias ao momento do parto. De momento, en Vigo, se a embarazada non ten síntomas de ser positivo en coronavirus, permítese que a muller teña un acompañante elixido por ela a durante a dilatación e tamén no parto. Acompañante ao que se lle recomenda, di o doutor González, que "entre e saia o menos posible, que leve máscara para respectar as normas de Sanidade. Despois seguimos facendo pel con pel, promoción da lactación materna, sempre falando de mulleres asintomáticas para COVID-19".

Cando as mulleres son positivas en coronavirus, en Vigo houbo xa 6 casos e tres nacementos por cesárea, preséntase "unha situación moi especial", di o doutor do Álvaro Cunqueiro, e lamenta que, de momento, haxa tan pouca información sobre o comportamento do virus. Explica que a decisión sobre o protocolo do parto "non se toma por un só profesional. Faise un equipo multidisciplinar en que están xinecólogos, pediatras, neonatólogos, médicos internistas, designados polo propio hospital e que son os que máis saben do COVID no centro, e entre todos tomase a decisión de cando interromper a xestación, de que maneira e en que momento, o que se fai depende da idade estacional do nenonato, como se adatpta ao medio, etc. Non hai unha recomendación xeral. Vaise adaptando caso a caso".

"De momento, nos tres casos que tivemos de mulleres contaxiadas e con embarazos próximos a termo, foron moi ben, explica o doutor Gonzalez. Os nenos naceron por cesárea e sans e as nai e os nenos evolucionaron, de momento, moi ben".

Hai dous momentos en que o COVID pode incidir maís no embarazo, explica o doutor González: "Nas primeiras doce semanas, calquera aumento da temperatura pode supoñer un aumento de risco de abortos, e ao final do embarazo, onde pode ter máis complicacións porque xa o propio embarazo dificulta a respiración e a COVID-19, afecta o aparello respiratorio, por iso precisan moitas veces un ingreso hospitalario e un control por un equipo multidisciplinar".

En xeral, as recomendacións que se lle poden facer ás embarazadas e que o doutor González di que lles están dando ás mulleres son "que se poñan en contacto connosco a través do número de teléfono que establecemos para aclarar as dúbidas que teñan (648934070), e despois hai tres regras básicas: que hai que seguir controlando o embarazo, o estado de alarma non pode ser unha escusa para non controlalo; respectar as normas de illamento, se es especialmente vulnerable, illarte na casa, ter un bo lavado de mans e tes que ir ao hospital cando tes que ir, seguindo as recomendacións que xa lle fixemos, ao hospital ou a matrona de primaria; as mulleres que xa están preto do termo, no segundo trimestre do embarazo, que sigan activas na casa, que cada hora e media dúas horas se levanten e fagan un paseo de 10 a 20 minutos, pola casa adiante".



 

Noticias web

16/04/2020