Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo: "Aínda que sexa un curso en pandemia, será máis normal ca o pasado”
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, cre que este vai ser un curso "máis normal ca o pasado".
Nunha entrevista no Bos días, dixo: “É un curso que vai ser atípico, porque aínda seguirmos con medidas de seguridade, que non imos relaxar, pero ao mesmo tempo a situación é moito mellor polo avance da vacinación. O noso persoal está vacinado e iso permítenos afondar aínda máis na presenza nas aulas”.
Reigosa explicou: “Agás un par de titulacións que polas súas características específicas terán aínda unha fórmula mixta, o resto será coa presenza de practicamente o cen por cento dos alumnos. Polo tanto, aínda que sexa un curso en pandemia, será máis normal ca o pasado”.
O reitor vigués recoñece que asistir a unha clase non é o mesmo que facelo desde a casa: “Aínda que eu creo que toda a universidade española, en particular a galega, está moi satisfeita con como se fixeron as cousas e se usaron as ferramentas que puxeron en marcha, non é o mesmo. Hai moitas cousas que se perden e case todo o mundo está desexando que as clases se recuperen de forma presencial”.
Respecto á evolución da pandemia e os seus efectos na vida universitaria, quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade: “Nós estamos sempre atentos ao que nos din as autoridades. E este ano imos ter unha ocupación menos limitada. Teremos os mesmos coidados e precaucións e estaremos atentos a que non se produza ningún gromo. Non imos relaxar a vixilancia para que en ningún caso se poida contaxiar ninguén nas aulas universitarias. Se o conseguimos o ano pasado, este tamén”.
“Nós temos un procedemento, desde códigos QR nas aulas e cando se nos notifica un contaxio nalgunha titulación, pois manexamos unha serie de medidas para o seguimento, e durante todo o ano pasado non houbo ningún gromo que se puidese achacar á actividade universitaria, o cal fala moi ben de todos, de profesorado, alumnado e PAS, pero tamén das medidas que se tomaron, que peritan que a universidade sexa segura”, explicou o reitor.
“Aquí fíxose un esforzo para que as prácticas fosen presenciais e en moitas titulacións incluso para estar na aula. Pero é verdade que aínda que se ofreceu a posibilidade de seguilas desde a casa, é verdade que non é o mesmo e o alumnado demandaba moitísimo este incremento de presenza, polo que creo que o curso vai ser mellor” abundou Manuel Reigosa.
Sobre as ensinanzas que deixou a pandemia dixo: “Aprendeuse moito e hai cousas que van quedar para o futuro. E agora temos as ferramentas para poder chegar ás casas dos alumnos e poder darlles as clases se fose necesario. Os profesores tamén fixeron un esforzo desde o punto de vista metodolóxico, e isto vai quedar, porque son unhas capacidades que non imos perder”.