CRTVG

Buscar

Víctor Muñoz, FACUA Galicia: “As eléctricas teñen que gañar cartos, pero non tantos”

Publicado o 21/07/2021 15:43

As asociacións de consumidores non aforran críticas á política enerxética do Goberno. FACUA esíxelle ao Executivo que lle poña fin á especulación na tarifa eléctrica. O seu presidente en Galicia Víctor Muñoz dixo este mércores no Bos días: “O que estamos a ver é que desde o ano pasado a este estamos en máximos históricos, custa o triplo que hai un ano, e a situación é insostible. Hai que tomar medidas xa, porque a xente ten que pagar as facturas todos os meses”.

“A sensación é que parece isto un destino tráxico, e non o é. Pódense adoptar medidas”, di Múñoz, quen cre que a situación actual é consecuencia do "absoluto fracaso da política de liberalización do mercado eléctrico. Prometéusenos que ía haber competencia e os prezos ían ser máis baratos. E aquí temos o presente”.

Canto ás solucións, apunta a unha que é ben clara: "Cando miras como se conforma o prezo do kilowatt, ves que se fala dun algoritmo que fai que os prezos non favorezan aos consumidores. Alguén debería corrixir para que aquilo que casa os prezos na banda máis alta o faga na media ou baixa”.

E reclaman cambios no modelo de tipo estrutural e non "parches" como a rebaixa impositiva temporal que se acaba de aprobar. “A redución do IVE é unha esmola, e a suba do prezo da luz xa comeu esa rebaixa. Non é unha solución. A análise que falta é de fondo. As eléctricas teñen que gañar cartos, pero non tantos”, cre Víctor Muñoz. 

En FACUA cren que a situación nos fogares vai ser moi complicada nas próximas semanas e meses: “Pódese multiplicar por tres ou por catro a xente que se coloca nunha situación de pobreza enerxética”.

Noticias web

21/07/2021