CRTVG

Buscar

Pedro Puy: "Existen outras alternativas de pacto que non poñerían en risco a economía"

Publicado o 26/11/2019 10:47

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, visitou este martes o Bos días para analizar a actualidade política.

A súa primeira referencia foi para a xorndada contra a violencia machista que se viviu este luns: "O que podemos dicir é que no Parlamento de Galicia chegamos a 5 acordos en canto á violencia de xénero e á igualdade e entendemos que esa é a liña de traballo nun tema tan dramático coma este. En Galicia, afortunadamente, non temos problemas para chegar a acordos con todo o arco parlamentario nesta materia, pero, desgraciadamente, noutras comunidades estamos a comprobar que hai grupos que negan unha evidencia e unha realidade que existe e que hai que atallar", dixo o Puy.

En canto ao tema dos pactos do Goberno central, Puy explicou que "estamos nunha situación moi complexa, entre outras razóns, porque se repetiron unhas eleccións e perdeuse unha gran oportunidade de poder chegar a acordos. Na pasada lexislatura había máis facilidade para conseguir maiorías que permitisen que a lexislatura durase os catro anos que están previstos. O certo é que vemos con preocupación os pactos que se están a celebrar e as condicións que se están a poñer. As investiduras xiran arredor dun programa de goberno e con Podemos só coñecemos tres ou catro ideas. Pero ademais con outras forzas políticas, como Esquerra, estanse a abordar temas que sobrepasan o ámbito normal de constitución e afectan ao conxunto da sociedade. Existen outras alternativas que non porían en risco a situación económica nin a estabilidade institucional".

Sobre a cuestión catalá, o voceiro do PPdeG dixo que "unha cousa é que se fale de reformas institucionais entre todos, que é o que o PP sempre dixo, mantendo os alicerces da constitución, pero outra cousa é negociar esas cuestións de parte simplemente dunha investidura e para formar un goberno. Isto está a marcar a situación actual e isto é o que vemos con certa preocupación".

E sobre se Feijóo será o candidato para as próximas autonómicas, Pedro Puy dixo que "o PP sempre respecta as decisións individuais, neste caso as do presidente. Xa se fixo público o calendario do ano que vén para a lexislatura que rematará despois do verán, e nese momento o partido e o seu actual presidente tomarán unha decisión, que levará á determinación de quen encabezará as listas para as próximas eleccións". "Para nós é vital continuar contando coa confianza do pobo galego, que durante tres eleccións consecutivas e en momentos moi difíciles apostou pola estabilidade e por afrontar unha crise. O noso obxectivo é continuar na liña de melloras que estamos a desenvolver".

Noticias web

26/11/2019