Ángeles Vázquez: "En Galicia non se caza o lobo nin é unha especie en perigo"
Galicia ten máis lobos que Francia e Portugal xuntos, segundo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Asegura que hoxe en día o número de mandas é maior que no ano 2003 e "non é unha especie en perigo de extinción" nin precisa unha maior protección.
Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto subliña que "en Galicia non se caza o lobo". Segundo argumenta, o único que fai a Xunta é "xestionalo" e cando hai un problema, coma na serra do Xistral, onde "perigan as explotacións ou as razas autóctonas, temos que actuar".
A conselleira defende o actual plan de xestión desta especie, establecido polas catro comunidades que albergan o 95 % dos exemplares que hai en España: Cantabria, Asturias, Castela e León e Galicia. Na súa opinión, nos últimos anos estivo a funcionar sen maiores problemas e agora o Goberno central quere incluír o lobo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (LESPE) sen falar cos territorios afectados.
"É a primeira vez na historia que se inclúe unha especie sen consenso", censura, "e non hai xeito de que o Ministerio estableza ese diálogo, nin coas organizacións agrarias, nin cos gobernos autonómicos". Por iso, as catro comunidades afectadas uníronse para pedir que se retire a orde antes do 15 de xuño e, no caso de non atenderen as súas demandas, apelar ao Tribunal Supremo.
"Pedimos unha mesa de traballo con criterios biolóxicos e científicos, unha revisión da estratexia actual e un censo actualizado das mandas", salienta Ángeles Vázquez. Despois, engade, "veremos se o lobo ten que estar ou non nesa listaxe".