CRTVG

Buscar

Néstor Rego: "A monarquía é unha institución anacrónica, que non é compatible cun sistema plenamente democráctico"

Publicado o 03/02/2020 10:35

Néstor Rego, deputado do Bloque Nacionalista Galego, será un dos ausentes este luns no acto solemne que se celebra Congreso para iniciar a lexislatura. A presenza do rei Filipe VI, para presidir este acto, é a principal causa que alega o BNG para xustificar a súa ausencia: "Entendemos que a monarquía é unha institución anacrónica, que non é compatible cun sistema plenamente democráctico, xa que a xefatura do Estado non é elixida polo conxunto dos cidadáns e cidadás, e ademais é hereditaria, vitalicia, pola graza de Deus, dise, e no caso do Estado español pola graza de Franco, que foi quen designou no seu día sucesor a Xoán Carlos de Borbón".

Máis alá da prenseza de Filipe VI neste acto, Néstor Rego tamén abunda no fondo do acto que se celebra este luns: "É puramente protocolario, que non ten nada que ver co traballo da cámara porque o Congreso xa leva traballando máis de dous meses e está pensando para máis gloria do xefe do Estado".

Canda ao BNG tamén se ausentan deste acto os representantes da CUP, ERC, JxCAT e Bildu. Todos eles leran ao longo da mañá un manifesto que segundo explica Néstor Rego, "pon en evidencia que é necesaria unha democratización do Estado español, que se recoñezan os dereitos das nacións, e especialmente que se democratice a Xefatura do Estado. Hai evidentemente unha crítica tamén ao papel político que está xogando Filipe de Borbón cada vez máis escorado a posicións da dereita ultraespañolista".

Sobre a lectura dese comunicado, xunto coas outras forzas, Rego aclarou que non se van adimitir preguntas porque se "trata da lectura dun comunicado, e quérese centrar aí a atención, pero darei as explicacións que sempre se me pidan".

Noticias web

03/02/2020