CRTVG

Buscar

Tellado: "Sánchez está máis preocupado das siglas que de salvar vidas"

Publicado o 04/05/2021 13:30

O secretario xeral do PPdeG lamenta a falta de previsión do Goberno de España, que sitúa o país "nun escenario de incerteza absoluta" a partir do 9 de maio, cando remate o estado de alarma. Considera que o Executivo central "nin lexisla, nin deixa lexislar, inhíbese da xestión da pandemia e ponlles trabas aos gobernos autonómicos, que son os que levan catorce meses dando a cara".

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, Miguel Tellado acusa a Sánchez de "incumprir" o seu compromiso de actualizar a lei estatal de saúde pública e de "impedir" que os gobernos autonómicos o fixesen pola súa conta. Neste sentido, lembra que "impugnou a norma galega ante o Constitucional" sen convocar primeiro unha "comisión bilateral" para analizar os aspectos dubidosos.

"Recurso político"

Na súa opinión, trátase dun "recurso político", porque a lei "é similar á que tramitaron outros parlamentos", o que demostra, ao seu entender, que o Goberno de Pedro Sánchez está "máis preocupado polas siglas que por salvar vidas".

Pensa que é un "debate partidista" dun Goberno que "atenta contra a autonomía de Galicia" porque "é o máis centralista dos últimos corenta anos de democracia". Por iso, censura o apoio ao Executivo central do PSdeG e, sobre todo, do BNG, que di ser "nacionalista".

Amósase partidario da harmonización fiscal, pero reproba a suba de impostos porque podería frear a recuperación económica. Dende o seu punto de vista, o que debería facer Sánchez é "adelgazar o Goberno", cos seus 22 ministerios. Segundo Tellado, "nunca houbo tantos asesores, (…) pena que non sexan expertos sanitarios, senón demoscópicos. O problema é que manda o señor do CIS e o estratego Iván Redondo".

Fondos europeos

O secretario xeral dos populares galegos tamén acusa o Executivo central de "ocultar o presunto plan de recuperación económica" que, dende o seu punto de vista, pretende "recortar o gasto público" e prexudicar, sobre todo, "as clases medias e baixas".

Reclama un repartimento dos fondos europeos baseado nos criterios de "cohesión teritorial" que establece a Comisión, pero teme que se van distribuír "de xeito centralizado dende unha oficina da Moncloa".

Industria galega

Respecto á situación da industria galega, apunta tres problemas fundamentais: o custo do megawatt para a industria electrointensiva, a ameaza que pesa sobre as empresas situadas no dominio marítimo terrestre pola Lei de cambio climático e a falta de carga de traballo nos estaleiros públicos. Para Tellado, a solución a estes tres atrancos está nas mans do Goberno central.

AP-9 e concello de Ourense

En canto á autoestrada do Atlántico, amósase satisfeito co acordo ratificado polo ministro Ábalos sobre a rebaixa das peaxes. Porén, pídelle que siga coa folla de ruta presentada polo Goberno galego para que a súa xestión sexa autonómica.

E sobre o concello de Ourense, insiste no ofrecemento para negociar un goberno de coalición cos socialistas sempre e cando "se aparte Villarino".  

Eleccións en Madrid

Á candidata popular á comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, deséxalle unha maioría suficiente para gobernar e responsabiliza o presidente do Goberno da convocatoria electoral tras "aproveitar a terceira vaga para organizar tres mocións de censura".

Tellado pensa que estes comicios van constituír un "punto de inflexión" na política nacional porque "posiblemente a curva do PSOE comece a descender", augura. Ademais, agarda que supoña "un tirón de orellas" ás formas de facer política de Sánchez.