Julio Trashorras (ANPE): "Temos que pensar que estamos facendo, porque o alumnado é un reflexo do que vén"
Condutas agresivas, ameazas, acoso, danos á propiedade... son problemas que sofren moitos profesores no seu día a día. As etapas máis conflitivas son as de primaria e ESO. A maior conflitividade dase na FP básica, pero tamén está medrando entre os maís novos. No curso 2018-2019, as ameazas a profesores subiron un 2%, segundo se reflicte no informe anual do Defensor do Profesor.
Julio Trashorras, defesor do profesor do sindicato ANPE de Galicia, conversa no Bos días con Fran López Iglesias sobre os problemas que os profesores teñen que enfrontar cos alumnos e en moitas ocasións cos pais.
"Hai que facer unha reflexión xeral sobre cara a onde imos como sociedade. Temos que pensar que os alumnos e as alumnos non son máis que un reflexo do que están vendo no seu día a día, tanto nas súas casas como na sociedade en xeral".
"Chámanos especialmente a atención os problemas que están aparecendo na etapa de primaria; estamos falando de rapaces que non chegan nin aos 12 anos".
"Nas casas pasamos dunha época en que nada era permitido e os nosos pais eran autoritarios, mal entendida esa autoridade, e pasamos a unha fase en que os nosos fillos e fillas son os donos dos nosos actos; onde lles permitimos absolutamente todo, non poñemos límites, e temos que pensar que os límites son bos para os rapaces, son necesarios para a súa formación".
"Como pais e como nais quizais nos falta esa visión de futuro. Pode que o que lle estamos a trasmitir na casa pode ter unha repercusión negativa no día de mañá. Sen chegar a unha autoridade mal entendida, cos rapaces é necesario establecer límites".
"Galicia, respecto doutras comunidades, aínda é unha marabilla na relación entre alumnos e profesores. É unha marabilla porque Galicia basicamente é rural e no ambito rural estanse mantendo aínda unha serie de valores familiares e valores en xeral que no ámbito urbano, especialmente en zonas urbanas deprimidas, se perderon".
"Agora, algúns rapaces están moito tempo sós na casa e as administracións non dan o apoio para conciliar que deberían. Todo iso está influíndo".
"Os profesores non se senten apoiados pola Adminstración ante as agresións. Coñecemos casos de docentes aos que os chama a Administración para que retiren a denuncia porque non está ben visto".
"Nós pretendemos prestar ese servizo e dar ese apoio que o profesorado non ten por parte da Administracion e tamén asesoralos".
"Nós non queremos alarmar, pero si queremos ver eses sinais de preocupación. Vemos que hai unha evolución: antes a problemática dábase nunha etapa moi contreta, onde tamén influían os propios aspectos evolutivos da idade dos alumnos, agora estas conductas estanse a producir antes. Traballamos para que esta situación que agora é preocupante no futuro non chegue a ser alarmante".