CRTVG

Buscar

José González Vázquez: "Non lle quitamos a terra a ninguén, buscamos a súa rendibilidade"

Publicado o 19/05/2021 11:16

Nos vindeiros días publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova Lei de recuperación da terra agraria, aprobada cos votos do PP, a abstención dos socialistas e o rexeitamento do BNG. O conselleiro do Medio rural considera que incorpora "figuras innovadoras" a nivel europeo que van "revitalizar o rural" a través da recuperación de terras agrarias.

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, José González Vázquez defende a norma "enriquecida polos grupos parlamentarios da oposición" (o texto incorpora máis de cen emendas) e insiste no seu obxectivo de "facer unha actividade agraria rendible para que a xente non veña obrigada ao rural".

Neste sentido, amósase convencido de que a lei é unha "caixa de ferramentas" que ofrece tres mecanismos fundamentais para asentar poboación en espazos agrarios: a aldea modelo, a agrupación de xestión conxunta e o polígono. As dúas últimas son as que, ao seu entender, van facilitar o movemento de terras. Os polígonos, a través da reconcentración, e as agrupacións, a través da xestión conxunta.

Terras abandonadas

Recoñece que un dos retos principais da norma é loitar contra o abandono, pero insiste en que "non lle quitamos a terra a ninguén". Segundo o conselleiro, trátase de falar coas persoas propietarias deses predios sen uso para "buscarlles arrendatarios ou xente disposta a mercala", pero sempre con "rendibilidade e garantía xurídica". Asegura que se van fixar os prezos segundo o tipo de cultivo e todo o proceso estará tutelado pola administración autonómica a través do Banco de Terras.

Respecto ás leiras abandonadas de propiedade descoñecida, José González Vázquez confirma que se vai abrir un proceso de investigación para facilitar a súa regularización. "Interesa saber de quen é a terra para poñela en valor, pero, se non aparece a persoa propietaria, inscríbese a nome da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e non do Estado, como se facía ata o de agora".

Entón, explica, ábrese un período de dez anos para poder acreditar a súa pertenza. No caso de contar coa documentación axeitada, o terreo devólvese co rendemento acadado ata ese momento.

Lumes forestais

Porén, para facilitar o asentamento da poboación no rural, tamén considera crucial “defender as aldeas fronte aos lumes forestais”. Nesa liña, sitúa a obriga legal de limpar o perímetro dos 50  metros ao redor dos núcleos antes do 31 de maio.

“Non queremos sancionar a ninguén”, asegura, por iso “estamos apoiando a limpeza a través de convenios” e ofrecendo a posibilidade de que a entidade pública SEAGA asuma o roce ao prezo de 350 euros por hectárea nas parroquias priorizadas.

Tamén salienta o plan preventivo contra os lumes, posto en marcha estes días, e a entrada, a finais de mes, dunha trintena de tractores-desbrozadoras para limpar zonas con máis risco de incendio.

Noticias web

19/05/2021