CRTVG

Buscar

Jesús Sierra: "Hai que escoitar e confiar nas autoridades reguladoras"

Publicado o 08/04/2021 11:33

O voceiro da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria considera "acertada" a decisión da Comisión Interterritorial de Saúde de restrinxir a vacina de AstraZeneca ao grupo de 60 a 65 anos. Nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, Jesús Sierra asegura que esta resolución "contribúe a maximizar o beneficio e a minimizar os riscos".

Segundo explica, foi o que sucedeu coa aspirina hai décadas, cando se detectou que podía causar unha patoloxía moi grave (a síndrome de Reye) en menores con infeccións virais. Para evitaren ese risco, limitouse o seu uso no grupo de idade afectado pero o ácido acetilsalicílico seguiu "salvando moitas vidas".

Neste caso, lembra que por cada millón de persoas vacinadas con AstraZeneca se poderían evitar ata 1.500 ingresos e, tal vez, ter dous casos deses eventos graves de trombose. Recoñece que arestora existe unha necesidade alta de inmunización, pero iso non impide poder avanzar aplicando os acoutamentos precisos.

Vacinas de "alta eficacia e seguridade"

Insiste en que as vacinas existentes teñen unha alta eficacia e seguridade. Do mesmo xeito, estima necesario escoitar as autoridades reguladoras e confiar no seu traballo que, asegura, é de "gran calidade e está baseado en criterios técnicos e científicos".

"Non hai que ter desconfianza con estas variacións de criterio", subliña, "hai que ser flexibles en canto ao coñecemento que imos tendo sobre esta doenza, que só leva con nós pouco máis dun ano".

O especialista en farmacia hospitalaria insiste en que temos que escoitar tanto a Axencia Europea (EMA) como a Axencia Española de Medicamentos que velan pola nosa saúde.

Noticias web

08/04/2021