CRTVG

Buscar

Caballero: "O PP condenounos ás peaxes abusivas e agora vota en contra da rebaixa"

Publicado o 29/04/2021 12:41

O secretario xeral do PSdeG acusa o Partido Popular de "condenar" a cidadanía galega a pagar "peaxes abusivas" para circular pola AP-9 e agora votar en contra da rebaixa proposta polo Goberno socialista.

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, Gonzalo Caballero lembra que foi "o PP de Aznar o que prorrogou a concesión da AP-9 ata o ano 2048" e promoveu a "privatización da empresa que estaba a recadar beneficios de ata 140 millóns de euros durante anos".

Segundo dixo, os descontos que se van facer efectivos, grazas ao Executivo socialista, contou co voto en contra do PP e do BNG. "España vai investir 63 millóns en bonificacións para rebaixar as peaxes da AP-9 ata o 2048, todos os anos, e Feijóo: cero euros".

No canto ao pagamento das autovías, asegura que se trata dun debate aberto noutras comunidades onde concesionarias de autoestradas rematan concesións. “O modelo en Galicia do PSOE é a rebaixa das peaxes”, insiste.

"Posición extremista" 

Respecto á situación política no concello de Ourense, Gonzalo Caballero asegura que Feijóo aceptou a Jácome para "manter o caciquismo dos Baltar". Porén, considera que na última semana "adoptou unha posición extremista cun tic antidemocrático" inaceptable.

"Non podemos permitirlle ao PP que pida a retirada da vida política do gañador dunhas eleccións", di en referencia ao socialista Rafael González Villarino. "Foi un erro gravísimo e Feijóo ten que rectificar", subliña.

Estado de alarma

O líder dos socialistas galegos tamén lle pide explicacións ao presidente da Xunta sobre o estado de alarma que “rexeitou o PP na primeira vaga da pandemia, cando era máis complexo xestionar a crise sanitaria”. “Feijóo dixo o pasado novembro que ía ser demoledor para Galicia durante o Nadal e ata a Semana Santa, e aínda non rectificou”, lamenta.

Neste contexto de pandemia, critica que os populares busquen continuamente “supostos agravios” con Galicia. Desminte que a nosa comunidade recibira menos vacinas na primeira fase, “como escoitei dicir ao PP”, ou que o reparto dos fondos de recuperación non vain ser transpartentes.

Pide adoptar unha "posición de colaboración” para afrontar "a peor crise dende a Guerra Civil" e deixar de insinuar que “España nos rouba, como tamén fomulan moitos nacionalistas".

Fondos europeos

Sobre os fondos europeos, considera que España conseguiu unha partida moi importante e “o PP non colaborou”, votando en contra “incluso do real decreto necesario” para que puidesen chegar ao país. Agora, lamenta que Feijóo estea “desnortado” para presentar os mellores proxectos para Galicia.

Malia e todo, téndelle a man co obxectivo de poñer en marcha unha "política de reactivación que priorice o emprego".

Reforma do estatuto

Unha vez superadas as peores etapas da pandemia, “grazas ás vacinas e ao plan de reactivación”, pensa que será o momento de abrir o debate sobre a actualización do Estatuto de Galicia.

Gonzalo Caballero rexeita o separatismo, o soberanismo e a autodeterminación e aposta por unha reforma de “perfil federalista” que “crea no autogoberno e na autonomía”.

Lei de Cambio Climático

Polo que atinxe á Lei de Cambio Climático, insiste en que non ten carácter retroactivo pero, por se houbese dúbidas, este mércores aprobouse unha emenda no Senado para deixar claro este aspecto. “O PP non votou a favor”, censura, malia “levar meses montando un show”e “incendiando de xeito demagóxico e populista”.

Neste sentido, lembra que saíron adiante todas as prórrogas das concesións en dominio público terrestre, menos unha, "por un informe da Xunta". Ademais, reafirma o seu compromiso coa industria do mar e co sector pesqueiro.

No que se refire a Ence, subliña que é un tema xudicializado no que o Goberno "vai respectar" a sentenza.

O futuro do PSdeG

Gonzalo Caballero tamén falou do seu futuro á fronte do PSdeG. Segundo dixo, a militancia é a que vai decicir o proxecto que quere para Galicia e “o demais son anécdotas e rumores interesados”.