CRTVG

Buscar

Gómez-Reino: "Hai que dar a cara nas municipais para que Yolanda Díaz sexa presidenta"

Publicado o 14/06/2021 10:55

O secretario xeral de Podemos-Galicia, Antón Gómez-Reino, considera que Ione Belarra e Yolanda Díaz "personifican" o tipo de política que desexa a cidadanía. "Xente traballadora, con certezas, con capacidade negociadora (…). Fronte ao que vimos este domingo en Colón, con insultos á esquerda e entre eles".

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, amósase convencido de que a formación "vai ser a forza hexemónica no vindeiro goberno de coalición". Na súa opinión, Ione Belarra colle o testemuño de Pablo Iglesias con ese obxectivo, para seguir no camiño do "compromiso coas políticas públicas e coa maioría social".

Valora o traballo realizado por Pablo Iglesias ata o momento porque "axudou a cumprir un soño". Tamén o feito de que "soubese dar un paso atrás. Algo moi raro en política", salienta.

Segundo Gómez-Reino, o partido en Galicia está nun proceso de sementar e reforzar a organización de cara as vindeiras municipais do 2023. "Percorrendo o país, comarca a comarca, vila a vila" para recoller as demandas dos colectivos sociais e trasladalas aos organismos de goberno.

"Temos claro que debemos presentarnos na maioría dos concellos e ter presenza non só nas cidades. Hai que entrar con forza na política municipal", asegura. "Debemos dar a cara neses comicios para permitir que unha galega, que está a facer as políticas públicas máis avanzadas, non só do Estado, senón probablemente dos gobernos de Europa, sexa a próxima presidenta".

"Cando estamos nos gobernos, nótase. Na crise financeira tardamos dez anos en recuperar emprego. Nestes momentos, grazas aos ERTE do goberno e de Díaz estamos, nun ano, nos datos anteriores ao inicio da pandemia", engade.

Segundo Gómez-Reino, a coherencia do seu partido é o contrato coa cidadanía. Neste sentido, insiste en que aspiran a facer realidade punto por punto o acordo de goberno co PSOE. "Unha parte importante está cumprida pero temos que regular os alugueiros, acabar co oligopolio eléctrico que fai que vivamos esta situación coa factura da luz".

"Por moito que molesten as nosas posicións, imos seguir traballando para que se cumpran, cun liderado con outro ton, pero firme para chegar a acordos", conclúe.

Noticias web

14/06/2021