CRTVG

Buscar

Víctor Freixanes: "A poeta move o foco, e movendo o foco ilumina o escenario dun xeito que non vemos"

Publicado o 17/05/2021 09:35

O presidente da Real Academia Galega Víctor Freixanes, nunha entrevista no Bos días, aseguraba que Xela Arias como creadora era "unha poeta esixente, de investigación, exploradora da palabra, das súas posibilidades, a través do xénero da poesía, que seguramente é o xénero literario máis excelso. A poeta move o foco, e movendo o foco ilumina o escenario dun xeito que non vemos".

"Pero tamén está a súa dimensión como editora", explicaba Freixanes, "durante moitos anos traballando en Edicións Xerais de Galicia. Como tradutora é unha muller que puxo en galego unha parte da literatura universal".

"E tamén está a dimensión de muller. De muller nova que nos anos 80 e 90 se incorpora á lingua e á cultura galega dun xeito renovador e activo e recolle a remuda dos devanceiros e senta as bases dun novo tempo de esperanza", di o presidente da RAG.

"Probablemente, o que máis se asemella á súa figura é Lois Pereiro [de entre os últimos homenaxeados]. Son autores que poñen enriba da mesa unha lingua e unha cultura que se renova, pero que está na contemporaneidade", asegura Víctor Freixanes.

"É unha xeración sensible que viviu momentos sensibles", di. "Ela, que non foi unha muller de etiquetas, era unha muller que entendía a liberdade, a democracia, a participación cidadá e o compromiso coas novas xeracións para o futuro do seu país".

Noticias web

17/05/2021