Ethel Vázquez: "Pedimos un repartimento xusto e equilibrado dos fondos Next Generation"
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, agarda que na vindeira xuntanza do mes de abril entre o presidente da Xunta e o ministro de Transportes se concrete a posta en marcha das bonificacións da AP-9 comprometidas.
Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, lembrou que foi un dos asuntos centrais do último encontro entre Alberto Núñez Feijóo e José Luis Ábalos. Porén, considera que "aínda queda moito por diante".
Na mesma xuntanza agarda que se aborden os prazos de execución da autovía Santiago-Lugo. Reclama unha axilización do ritmo de execución desta infraestrutura "fundamental" que lembra que comezou a planificarse hai 22 anos. "Había un compromiso para rematala neste 2021 e, coa planificación do Goberno de España, levaríanos ata o 2026", denuncia.
A conselleira reclama o avance deste tipo de infraestruturas, pero tendo presente "unha mobilidade de futuro distinta, máis intelixente e innovadora". Neste sentido, avoga por evolucionar cara ao fomento do transporte público.
Conexión ferroviaria de Lagosteira
Respecto á conexión ferroviaria do porto exterior de Lagosteira, Ethel Vázquez tamén confía en acadar unha "data concreta para a licitación e execución desta obra" na vindeira xuntanza co ministro. Ademais, demanda un plan director ferroviario, a conexión Galicia-Lisboa, vía O Porto, e o avance das obras pendentes da alta velocidade.
Sobre os fondos de recuperación, insiste na competitividade dos proxectos presentados pola Consellería e pide "un repartimento xusto e equilibrado" porque considera que se axustan aos criterios esixidos. "Temos dous retos concretos que cumpren cos obxectivos formulados: mobilidade sostible e innovadora e xestión máis eficiente da auga", subliña.
Ethel Vázquez pensa que se avanzou no saneamento e depuración das augas. Porén, considera que a xestión eficiente das infraestruturas hidráulicas é aínda unha materia pendente. Para iso, anunciou un maior apoio aos concellos, coa colaboración das deputacións, para mellorar a explotación e o mantemento das depuradoras de augas residuais e de auga potable.