CRTVG

Buscar

Gómez-Reino: "Sen Unidas Podemos non vai haber cambio político en Galicia"

Publicado o 14/05/2021 11:00

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, considera que sen a súa formación "non vai haber" un cambio político en Galicia porque "non dan os números". Segundo o deputado, na comunidade hai "moitos colectivos sociais e sindicais" que se senten orfos, polo que a súa formación vai traballar para atender as súas demandas.

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, asegura que van preparar as eleccións municipais de xeito que sexan "chave" para afrontar uns futuros comicios autonómicos en que, "dunha vez por todas haxa un cambio" na nosa comunidade, como está a suceder noutras partes do Estado, de Europa e do mundo.

Neste proceso, di que recollen a semente de Yolanda Díaz, con esa vontade "de estar sempre pegados ao territorio", e encaran o reto con "traballo, traballo e traballo". Sobre a vicepresidenta, pensa que é a mellor persoa para liderar o cambio no conxunto do Estado e que, por primeira vez, "haxa unha presidenta muller".

Na súa opinión, "é moi positivo asumir liderados femininos" porque estamos nun tempo novo en que a xente "precisa reatoparse, reactivarse" e nós "imos estar reatopándonos en todas as loitas cotiás que hai no noso país". Valora de xeito moi positivo que un referente como Pablo Iglesias dera un paso ao lado. "Nós sempre dixemos que estamos en política dun xeito temporal".

Ao seu entender, o exlíder da formación acadou algo que "non se conseguira dende hai oitenta anos, que é un goberno de coalición progresista", e agora "bótase a un lado porque entende que hai referentes, como o de Yolanda, que teñen que liderar".

Noticias web

14/05/2021