CRTVG

Buscar

Pontón: "Xa advertimos de que a Lei de saúde era unha chapuza xurídica"

Publicado o 21/04/2021 11:49

A voceira nacional do BNG considera que no medio dunha crise sanitaria a solución "non é restrinxir dereitos e liberdade" ou "aumentar as multas", como establece a Lei de saúde galega, senón reforzar os servizos públicos. Segundo Ana Pontón, a súa formación xa advertira que a lei "era unha chapuza xurídica, e dende o punto de vista da xestión da pandemia".

Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, a líder nacionalista afirma que tamén Feijóo sabía que a norma tiña problemas de legalidade, por iso "non se aprobou no Consello da Xunta". Polo momento, o Tribunal Constitucional mantén en suspenso os apartados máis polémicos, entre os que se atopa a vacinación obrigatoria en casos excepcionais.

Respecto a nova sentenza sobre os bens inmobles do pazo de Meirás, na súa opinión "ataca a dignidade das vítimas e da democracia". "Como demócrata, dáme vergoña", asegura, "non temos que lle pagar nada á familia Franco por ocupar un pazo durante corenta anos", subliña.

Porén, pensa que non é unha batalla perdida. Por iso, pídelle á Xunta que traballe para "publicar un anexo a esa declaración BIC que vincule os bens co pazo" e ao Goberno estatal que inicie "un novo procedemento" para reclamar o mobiliario.

Vontade de consenso

Ana Pontón lamenta que o Goberno do PP "non teña vontade de consenso" na situación actual e preocúpalle que "non estea aprendendo as leccións da pandemia". Neste sentido, acusa o Executivo de "desmantelar" a sanidade pública nun momento no que precisa de "máis medios e recursos".

Subliña que o BNG favorece o clima de diálogo, como se demostra coa Comisión para a Reactivación Económica, ou coa proposta dun "grande acordo de país para reclamar o que lle corresponde a Galicia" dos fondos europeos Next Generation. "Con estas propostas o que topamos sempre foi o voto negativo do PP", censura.

Fondos Next Generation

Lamenta que, de non daren pasos firmes, "veremos un fracaso monumental en torno aos Next Generation". Acusa a Alberto Núñez Feijóo de falla de transparencia porque "no Parlamento non hai nin un documento" sobre a proposta do Goberno galego neste sentido.

"Tememos que eses fondos se usen para que catro grandes multinacionais acaben levándose o montante global, mentres os sectores que o necesitan quedan na estacada", augura.

Residencias de maiores

Reclama para Galicia ata o último euro que lle corresponde e pídelle ao presidente da Xunta que aborde cuestións pendentes importantes, coma o cambio de modelo nas residencias de maiores.

"Os próximos centros teñen que ter unha xestión pública directa", considera, porque algo tan sensible "non pode estar sometido aos intereses empresariais". Segundo Pontón, "o dereito a unha vellez digna non pode seguir sendo un negocio".

Xestión da pandemia

Sobre a xestión da pandemia, pensa que está a ser "deficiente" non só a nivel galego ou estatal, senón europeo. Cualifica de "fracaso" a estratexia comunitaria para adquirir vacinas onde "pesan máis os intereses das farmacéuticas que a vida das persoas".

Instituto Galego de Crédito 

No eido económico, aposta por unha Galicia capaz de controlar os seus recursos e anuncia unha proposta parlamentaria para transformar o IGAPE nun Instituto Galego de Crédito. O obxectivo, subliña, é que "as empresas do país teñan un instrumento" para facer fronte a crises coma esta.

Noticias web

21/04/2021