CRTVG

Buscar

Ana Comesaña: "Todo son parabéns coa vacinación, pero o vivido queda aí"

Publicado o 01/06/2021 10:52

A campaña de vacinación supuxo un cambio importante para o persoal sanitario, que leva máis dun ano lidando coa cara menos amable da covid−19. Segundo a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, logo dunha etapa dura, con falecementos, persoas graves, traballo incansable e moita soidade, afrontan agora un período máis alegre en que "todo son parabéns".

Nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, Ana Comesaña asegura que nos centros de inmunización o persoal sanitario está a percibir un "agradecemento total" da cidadanía. "Estamos nunha etapa mellor, pero o vivido queda aí", subliña.

Por iso, considera que a obriga da administración é continuar apoiando o conxunto de profesionais que afrontaron os momentos máis duros da pandemia en primeira liña. "Fixemos un programa de acompañamento emocional" en que se utiliza "o agradecemento como terapia".

Con este obxectivo, instalaron paneis e urnas nos centos de saúde, hospitais e puntos de vacinación para que a xente deixe as súas mensaxes de apoio e gratitude. Subliña tamén a organización de conferencias de apoio emocional ou a contratación de persoal psicolóxico e psiquiátrico para ofrecerlles axuda directa.

Este último punto, lembra Ana Comesaña, forma parte do plan de continxencia covid−19 elaborado cos sindicatos. O proxecto prevé permisos adicionais, pausas de traballo extraordinarias, recoñecemento nas OPES, nos concursos de traslado ou na carreira profesional e ferramentas de formación. "A pandemia trouxo cousas malas pero tamén cousas boas: a solidariedade, a cooperación, o traballo en equipo… A xente está máis unida ante unha fronte común".

A directora xeral de Recursos Humanos salienta a contratación de 3.000 persoas no que vai de ano para reforzar o Servizo Galego de Saúde, que agora está a centrarse na vacinación. "A inmunidade nótase. A baixada dos casos e da súa gravidade é espectacular", comenta , "e a xente xa está pensando nas vacacións. Ve que vai poder, ir e iso é algo necesario, case obrigatorio, porque temos que recuperar o ánimo e o traballo ordinario".

Noticias web

01/06/2021